Pestanas principais

O Bertamiráns FC celebra o seu 80 aniversario este sábado, 7 de xuño, cunha programación específica de actos

Xoves, 05 de xuño de 2014

[05-06-2014] O Bertamiráns FC celebra este ano o seu 80 aniversario. Para conmemorar esta efeméride o club amiense organizou unha programación específica de actos que se desenvolverán este sábado, 7 de xuño, ao longo de todo o día no campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Pola mañá xogaranse dous partidos correspondentes á promoción de ascenso á Liga galega cadete e da fase previa galega benxamín. Os actos continuarán cunha comida conmemorativa e cunha sesión de música, baile e cocteles. Ademais, o Bertamiráns FC acaba de presentar o III Campus de fútbol 8 que se celebrará entre os días 23 e 27 de xuño. Por último, este domingo 8 de xuño, ás 19:00 horas, o Bertamiráns FC e o Bugallido FC disputarán a final do XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames.

O Bertamiráns FC preparou unha programación específica para conmemorar o seu 80 aniversario. Estes actos desenvolveranse durante este sábado, 7 de xuño, no campo municipal de Bertamiráns. Ás 11:30 horas o equipo cadete do Bertamiráns FC xogará contra o CD Ciudad Jardín un partido da fase de promoción de ascenso á Liga galega cadete. Ás 13:15 horas tocaralle a quenda aos xogadores/as do equipo benxamín que disputarán un partido da fase previa galega benxamín. Os actos continuarán cunha comida conmemorativa e cunha sesión de música, baile e cocteles. Os tíckets para asistir á comida poderanse retirar na cafetería Don Budi por 25 euros.

III Campus de fútbol 8
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o presidente do Bertamiráns acaban de presentar o III Campus de fútbol 8, que se celebrará entre os días 23 e 27 de xuño no campo municipal de Bertamiráns. Trátase dun evento deportivo que está dirixido aos nenos e nenas de 7 a 12 anos, correspondentes ás categorías de prebenxamín, benxamín e alevín. Para este campus ofértanse 45 prazas para xogadores e 6 para porteiros.

Este evento deportivo desenvolverase os días 23, 24, 25, 26 e 27 de xuño, en horario de 8:00 h a 15:00 horas. Dentro deste horario desenvolveranse actividades formativas apoiadas por medios audiovisuais, de execución e de competición. Ademais, haberá distintas competicións sobre os conceptos técnicos e tácticos tratados nestas xornadas. Tamén haberá diversas actividades de lecer nas que se fará uso da piscina municipal ou se practicará piragüismo. Os pais e nais que desexen inscribir aos seus fillos/as neste campus poderán obter máis información e descargar o impreso de inscrición na páxina web www.bertamiransfc.com.

XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames
Por último, este domingo 8 de xuño, ás 19:00 horas, o Bertamiráns FC e o Bugallido FC disputarán a final do XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames no campo municipal de Bertamiráns. Con este partido ponse fin ás competicións oficiais da temporada 2013-2014. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao Biduído SR, mentres que o Bugallido FC gañoulle na outra semifinal ao Ortoño CF. Neste torneo participaron cinco equipos amienses.