[09-07-2012] O campo municipal de Bertamiráns acolleu o sábado pasado a final do XXXI Trofeo de fútbol Concello de Ames 2012. O Bertamiráns FC impúxose na final ao Ortoño CF por tres goles a un. Con este partido púxose fin ás competicións oficiais da temporada 2011-2012. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e o concelleiro de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e ao subcampión. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao CSD Ames, mentres que o Ortoño CF gañoulle na outra semifinal ao Bugallido FC.

Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está máis que consolidado no municipio amiense posto que este ano disputouse a trixésimo primeira edición.
Este sábado, 7 de xullo, disputouse a final do XXXI Trofeo de fútbol Concello de Ames. A final tivo lugar no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 19:00 horas, entre o Bertamiráns FC e o Ortoño CF. O Bertamiráns FC impúxose na final ao Ortoño CF por tres goles a un. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle 3-1 ao CSD Ames, mentres que o Ortoño CF gañoulle 2-0 ao Bugallido FC.

Neste torneo participaron todos os equipos federados de Ames. En total foron seis os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do Bugallido FC, Bertamiráns FC e Biduído SR estiveron encadrados no grupo A, mentres que o Ortoño CF, CSD Ames e o Agrón FC formaron o grupo B. Na fase de grupos cada equipo disputou dous partidos. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificáronse para as semifinais.
Ao final do encontro o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e o concelleiro de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez, foron os encargados de entregar os trofeos ao campión e ao subcampión. Ademais houbo medallas para os xogadores dos dous equipos.







