- Tematica
O Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica do Milladoiro imparte o sábado, 6 de xuño, un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador. Nesta actividade explicarase o funcionamento dun computador e axudaráselle aos usuarios/as a instalarlle un sistema operativo libre se o necesita. O obradoiro impartirase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.
Este sábado, 6 de xuño, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
Nesta ocasión vaise a impartir un obradoiro para explicar o funcionamento dun computador e axudar aos usuarios/as que participen nesta actividade a instalarlle un sistema operativo libre se o necesita.
O principal obxectivo é reducir residuos, fomentar a economía circular e promover a reparación como alternativa ao consumo desmedido. As persoas que participen deben levar os seus computadores e aprenderán a reparalos coas ferramentas e coñecementos dos voluntarios. Ademais de reparacións, organízanse talleres sobre reciclaxe, reutilización ou mantemento básico de obxectos. Este taller baséase na colaboración, a aprendizaxe e a sostenibilidade.
Este obradoiro será impartido polos voluntarios do Banco de Reciclaxe de Electrónica de Milladoiro, dentro das súas actividades de divulgación de software libre e novas tecnoloxías.
A actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.
Banco Municipal de Reciclaxe
O Banco Municipal de Reciclaxe é un proxecto que aposta pola reutilización de obxectos en bo estado, ofrecéndolles unha segunda vida e reducindo o volume de residuos. Deste xeito, promóvese un consumo responsable, solidario e sostible, fomentando a economía circular e o coidado do medio ambiente.





