Pestanas principais

O banco de enseres infantís inicia o a súa andaina con preto dun cento de pezas

Venres, 14 de agosto de 2020

Bañeiras, cadeiras de coche e de paseo, berces, colchóns, sacaleites, adaptadores de wc, mochilas, quenta biberóns... o recentemente creado “Banco de enseres infantís” bota a andar con preto de 100 pezas que a veciñanza de Ames entregou á Concellaría de Benestar Social promotora da iniciativa. Este banco de préstamo alonga a vida dos aveños que se utilizan na crianza das meniñas e dos meniños e posibilita ás familias máis vulnerables materiais axeitados para o coidado dos seus bebés. As familias que queiran doar aveños ou utilizar este servizo de préstamo poden facelo dirixíndose á Oficina do Voluntariado, chamando ao 662 377 044 de 9:00 á 14:00h ou enviando un correo electrónico ca súa solicitude a voluntariado@concellodeames.gal.

Os departamentos de Voluntariado e Educación Familiar, dependentes da concellaría de Benestar Social, recibiron desde a posta en funcionamento na primeira quincena do mes de xullo do chamado “Banco de enseres infantís” todo tipo de aveños relacionados coa crianza dos bebés. Moitas destas pezas teñen unha vida limitada e quedan case novas cando os fillos e as fillas non as necesitan. Unha cadeira de paseo, un bañeira, unha trona, un quenta biberóns ou un berce, se se coidan, poden ser utilizados máis de dúas e tres veces por distintos nenos e nenas.

“Con esta proposta non só estamos facilitando a utilización deste tipo de pezas, que en moitas ocasión son caras e difíciles de asumir para a economía dalgunhas familias, senón que estamos contribuído a darlle máis usos a esas pezas que cando remata a crianza dun bebé aínda están en moi bo estado, co que dalgún xeito tamén contribuímos ao obxectivo de reutilizar e reducir o consumo, o que beneficia ao medio e consecuentemente nos beneficia a todos e a todas”, declara a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo. A concelleira lembra tamén a campaña que se puxo en marcha, xunto coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), a través da cal se recolleron diferentes produtos infantís como cueiros, toalliñas para bebés ou leite de inicio ou continuación.

As persoas que desexen recibir aveños do Banco de Enseres Infantís, poden facelo dirixíndose á Oficina do Voluntariado, chamando ao 662 377 044 de 9:00 á 14:00h ou os teléfonos de Servizos Sociais , ou enviando un correo electrónico ca súa solicitude a voluntariado@concellodeames.gal . Aquelas persoas que desexen doar tamén deben poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado pola mesmas canles para que lle indiquen lugar de entrega.

Cada usuario/a comprometerase ao seu coidado e a súa devolución, unha vez deixe de usar eses aveños, para poder entregarllos a outras persoas que o precisen.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El banco de enseres infantiles de Ames reúne cien objetos en su primer mes"

El Correo Gallego: "Donaciones en Ames para dotar al Banco de Enseres Infantís"

 

Preto de 100 pezas recibironse até o momento

Multimedia

  • Banco de enseres infantís
  • Cada usuario comprométese ao coidado dos enseres