Pestanas principais

O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello

Xoves, 18 de abril de 2024

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este mércores, 17 de abril, o sexto pleno de estado do Concello de Ames. Esta sesión plenaria serviu para facer balance sobre a xestión do goberno local e da situación na que se atopa o municipio amesán. Dese xeito, fíxose balance da execución das actuacións incluídas na EDUSI Impulsa Ames e da actividade doutras áreas como educación, emprego, comercio, axenda urbana, mocidade, medio ambiente, cultura, etc. Tamén se abordaron cuestións de gran importancia como a elaboración da Axenda Urbana, a humanización do Milladoiro ou a creación da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames. Premendo nesta ligazón podes acceder á gravación do pleno de estado do concello

Abriu a sesión o alcalde de Ames, Blas García, que comezou explicando que este pleno o ano pasado non se celebrou porque estábamos en período pre-electoral. Ademais engadiu que “sería bo estudar entre todos os grupos da Corporación municipal a opción de darlle unha volta ao ROM, para determinar se é positivo ou non celebrar esta sesión plenaria. O obxectivo co que naceu este pleno foi o da participación cidadá e non se está cumprindo”.

En canto ao debate sobre o estado do municipio, o rexedor municipal dixo que “neste tipo de plenos soe haber dúas visións moi disintas que se contrapoñen. A visión do goberno que defende a súa labor de xestión e maila visión dos partidos da oposición que fiscalizan dita xestión. Levamos 10 meses de goberno en solitario e en minoría. Hai que lembrar que é o terceiro mandato no que goberna o partido socialista. O primeiro goberno estaba formado por 9 concelleiros e concelleiras de tres partidos: PSdeG, Contigo Podemos e BNG. Quero lembrar isto porque agora somo 8 concelleiros e concelleiras os que formamos o goberno e durante o mandato 2015 – 2019 tan só éramos un máis. Polo que non é un problema gobernar en minoría”.

No apartado económico o alcalde destacou que “no mes de febreiro aprobamos o orzamento máis alto da historia de Ames que supera os 32 millóns de euros, que inclúe o presuposto da EPEL de Ames, gracias a abstención do grupo municipal do BNG. Somos un goberno de cooperación e imos seguir chegando a acordos con calquera grupo político da Corporación municipal. En canto ás críticas que temos por ser un goberno con falta de xestión, non estou de acordo con esta afirmación e nego a maior. É suficiente pasar por Bertamiráns, O Milladoiro ou polo rural para ver todas as obras que se están executando na actualidade. Nestes momentos estanse executando obras por valor de 3 millóns de euros. O ano pasado conseguimos o investimento máis alto da historia de Ames acadando os 7 millóns de euros en obras”.

Por outra banda, dixo “hai que poñer en valor a posta en marcha da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, todas as actuacións relacionadas co alumeado público, as actuación relacionadas coa EDUSI Impulsa Ames, que se chegou a un nivel de execución do 70%. Gustaríanos chegar ao 100% pero acadamos unha cantidade importante de execución. Tamén son importantes os traballos que estamos realizando en relación coa Axenda Urbana, que comezaron no mandato pasado e lle estamos dando continuidade durante este ano con foros e xuntanzas cos sectores claves do concello co obxectivo de elaborar un documento que recolla as estratexias e proxectos acordados neste proceso participativo”.

Áreas de formación, emprego, promoción da saúde, cultura e normalización
Blas García destacou que na área de formación e emprego “comezamos o mandato cunha xuntanza coa naquel momento vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para estudar vías de colaboración en materia de solo industrial e vivenda. Neste senso estamos traballando na construción dun novo parque empresarial na contorna de Bertamiráns. Hai varias empresas interesadas en solo industrial, concretamente unha empresa precisa máis de 20.000 metros cadrados, pero hai moitas outras que tamén están interesadas. Ademais, nesta mesma área continuamos cun novo obradoiro de emprego e un novo programa integrado e co servizo que ofrece o espazo colaborativo A Proa”.

O rexedor municipal tamén destacou “a posta en marcha dun plan municipal de benestar emocional e saúde mental, un plan global para previr, promover e atender á saúde mental da veciñanza amesá, especialmente entre nenos, adolescentes e persoas maiores. Tamén asinamos un convenio coa Real Academia Galega para o desenvolvemento do proxecto ‘Modo galego, actívao!’ ata o ano 2026. Seguimos mantendo a programación de actividades culturais, e incluso incrementándoas con novas actividades cun ciclo de monólogos, que se vai celebrar en maio, un ciclo de cine clásico, que se está desenvolvendo neste mes de abril, e un programa de música clásica”.

Áreas de mocidade, educación
“Na área de mocidade acabamos de crear o club xuvenil de Ames dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 18 anos para que compartan experiencias e proxectos, así como o club de mocidade con diversidade de Ames, para que mozos e mozas de entre 13 e 25 anos con diversidade funcional tamén compartan experiencias e proxectos. Nesta área tamén seguimos apostando pola Factoría cun investimento de preto de 18.000 euros para realizar melloras nestas instalacións e para novo equipamento”.

O rexedor dixo “o ámbito educativo é unha parte moi importante do noso concello. Este pasado martes tivemos un Consello escolar onde se abordaron cuestións relativas aos servizos educativos de conciliación. Temos que garantir a calidade dos servizos de conciliación. Este ano teremos un déficit nos servizos complementarios de 2.300.000 euros, que ascendería a máis de 9 millóns de euros durante este mandato. Temos que ser responsables e buscarlle unha solución a isto. En anos anteriores as familias asumían o 60% do custe dos servizos de conciliación, na actualidade asumen o 30% do custe. Hai que modificar o regulamento e maila ordenanza fiscal”.

Blas García rematou dicindo que “o Goberno municipal fai políticas para as persoas. Ames é un Concello prestador de servizos de calidade. Somos referencia para Concellos de Galicia e incluso para Concellos de fóra. Temos que estar orgullosos do noso. O noso obxectivo é facer políticas para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.

Intervención de Luísa Feijóo de Espazo Común
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, aludiu tamén a que “o pleno de estado debería ser un espazo de debate entre as distintas forzas que conformamos a Corporación e no que houbese afluencia de público, un pleno que serva para que a veciñanza coñeza realmente como se atopa  o seu concello, de aí que se sacase do salón de plenos e se trouxese aos auditorios como símbolo de apertura, de transparencia e de participación veciñal. Isto nunca sucedeu, pasando a ser un puro trámite onde o goberno relata e saca peito de todo o feito e os grupos da oposición criticamos o que non nos gusta da xestión do goberno, sempre con espírito construtivo porque os éxitos do goberno serán os éxitos da veciñanza. Resumindo, é un pleno máis onde a veciñanza non ten participación e onde non se confrontan ideas nin formas de facer, polo cal deberíamos plantexarnos si se debe seguir celebrando ou non, ou  polo menos deste xeito”.

Luísa Feijoo engadiu “se facemos unha análise superficial e nos cinguimos as cifras económicas, podemos dicir que da anterior lexislatura arrastramos unhas contas saneadas. Agora mesmo,  practicamente non temos débeda, temos un orzamento alto, que ao ter que ser aprobado co voto de calidade do alcalde, xa é sintomático de algo, pero que foi aprobado, e que aínda que quedamos sin  remanente na caixa de tesourería, aínda temos servizos dos que podemos seguir presumindo algo, xa que neste ano escaso do actual goberno aínda está vivindo das rendas dos gobernos anteriores, polo que si nos miramos só isto poderíamos dicir que  Ames non está tan mal”.

“Nos últimos tempos Ames mudou, e mudou non só de alcalde e de equipa de goberno senón que tamén mudou de formas. Onde antes había portas abertas e comunicación fluída agora están pechadas, non se contesta ou se contesta mal e pasouse a que se teña que pedir todo por rexistro. Pasamos dunha política de escoita, de diálogo, de traballo diario á vella política, a política do anuncio e a foto previo pago a medios, pasamos á demagoxia, ao populismo e á falta de seriedade”.

“Vemos un goberno sin rumbo, sin un obxectivo claro, sin un proxecto definido de concello e que vai atallando as cousas segundo van xurdindo. Un goberno que se define como progresista e de esquerdas e o primeiro que fai é subir os prezos públicos e taxas e rebaixar as prestacións sociais. Un goberno falto de novas ideas, de iniciativas e sin capacidade de xestión que ten o concello paralizado. Un goberno que escapa de todo o que soe a participación. Un concello a deriva no que non hai vontade de diálogo nin capacidade negociadora”.

Intervención de David Santomil do BNG
O voceiro do BNG de Ames, David Santomil, comezou a súa intervención plantexando varias preguntas sobre que vai acontecer unha vez que rematen de realizarse os investimentos e as actividades que quedaron aprobadas para o 2023 e o 2024 polo anterior goberno. A continuación dixo “Ames vive nunha situación de incerteza. Cun goberno feble e sen iniciativa. Limitándose a executar o que xa estaba en marcha. Temos que recoñecerlle ao alcalde que a decisión de gobernar en solitario e minoría pode traerlle certas vantaxes políticas a curto prazo. Vender o que outros fixeron e apuntarse o mérito, con altas doses de publicidade pagada con fondos públicos e fotos, moitas fotos. Pero o problema virá a medio e longo prazo”.

“Pase o que pase nos vindeiros anos xa quedou de manifesto unha cousa; que este é o goberno municipal con menos concelleiros da historia de Ames, con menos solvencia política e que o señor García vai pasar á historia como o alcalde socialista que rompeu un goberno de coalición de esquerdas e pactou co PP. Un PP que tamén pacta, á súa vez, gobernos coa ultradereita. Agora os veciños e veciñas comezan a darse conta de que Blas García é unha persoa dialogante ata que lle levan a contraria, como poden comprobar co proxecto de humanización da N550 ou na comunicación coas ANPAS do concello que denuncian falta de transparencia”.

“O BNG comezou dende o minuto 1 deste mandato a facer un traballo de oposición construtiva e a mostrarse como alternativa de goberno municipal dentro de tres anos. Estes son os datos da intención de voto nos Plenos deste mandato: 35 asuntos nos que votamos a favor por unanimidade; 20 asuntos aprobados, ben con voto a favor ou abstención do BNG facilitando a aprobación; e  4 votos en contra: unha modificación unilateral do POS Adicional 2023 aprobado no anterior mandato, dous suplementos de crédito modificando de forma unilateral os acordos de 2023, e unha suba das merendas nas escolas infantís. En relación ás mocións o BNG presentamos un total de 5 (1 cada 2 meses), das cales 3 foron aprobadas por unanimidade e 2 aprobadas por maioría. Ademais, presentamos en cada Pleno 5 rogos e 5 preguntas, o máximo posible”.

Por outra banda, David Santomil realizou a seguinte pregunta: “Que acontece coas principais promesas electorais do alcalde neste mandato?” El mesmo deu a resposta: “parálise”. “Porei catro exemplos: centro de mocidade; centro Deportivo para O Milladoiro; parque empresarial en Bertamiráns; e modificación da RPT do persoal municipal. O modelo de alcalde para todo non funciona. As súas delegacións de competencias nos concelleiros/as son papel mollado e conducen á inestabilidade”.

Rematou dicindo: “en definitiva, o estado do concello a 17 de abril de 2024 é peor que o que tiñamos o 17 de abril de 2023. Todo apunta que vostedes van deixar un concello aínda peor no ano 2027. Dende o BNG traballaremos os próximos tres anos para da estabilidade institucional ao concello e ser a alternativa de goberno que Ames necesita de novo”.

Intervención de Oliva Agra do Partido Popular
Sobre a execución da EDUSI, a voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, dixo que “a execución da améndoa central de Bertamiráns provoca moitos máis atascos no centro e moitas menos opcións de aparcamento que antes”. Do centro multifuncional dixo que “é unha obra da que non coñecemos o seu futuro e que se deteriora día a día. Unha obra da que nin sequera temos nos orzamentos unha partida para o caso de ter que rematar a construción con fondos propios. A falta de planificación levou ó Concello de Ames a non executar, e polo tanto perder o financiamento, dunha das medidas máis solicitadas polos veciños: ter conectados mediante autobús Milladoiro, Bertamiráns e o rural. Esta falta de planificación fai que non teñamos os cartos para estas liñas de autobús, que teñamos un centro multifuncional a medio facer e unha senda escolar en Ventín que non ten sequera as farolas conectadas. Esto amosa unha xestión caótica e carente de planificación”.

Sobre as obras de humanización da N-550 no Milladoiro a voceira do PP de Ames salientou que “son crónica dun desastre anunciado. Esas obras van devolver O Milladoiro aos anos oitenta e pasaron de ter un orzamento de 7 millóns aos 4 finalmente adxudicados. Tamén podemos falar da piscina cuberta do Milladoiro: unha das reivindicacións deste núcleo dende fai anos e proxecto estrela deste goberno e da que nada se sabe. E podemos falar das queixas dos usuarios da Telleira: da falta de mantemento das instalación e do remate do contrato da concesionaria que xa non se pode prorrogar máis”.

Outra das demandas que fixo foi relativa á planificación e planeamento urbanístico. “Ames conta cun PXOM que ten máis de 20 anos e que debe ser actualizado. Unha actualización necesaria e que debe adaptarse ao crecemento do noso concello. O Ames de hai vinte anos, con apenas 20.000 habitantes, nada ten que ver co Ames de 2024 que aumentou a súa poboación ata rebasar os 32.000 habitantes”.

Tamén apuntou “a falta de diálogo que tiveron vostedes coas ANPAS á hora de aprobar as prazas de comedores que desembocou no descontento das mesmas. Descontento que se veu acrecentado porque non sae a subvención que lles corresponde e que vostedes teñen a obriga de sacar. Porque falando de obrigas temos que falar de que tampouco se convoca a mesa de VioGen ou a Xunta Local de Seguridade. Son esas cousas necesarias pero que este concello non fai como a ordenanza do Coworking. Non vale de nada poñer en marcha proxectos se despois non facemos o propio no seu desenvolvemento”.

Por outra banda, destacou que “grazas a Xunta de Galicia, que por certo seguirá gobernada catro anos mais polo Partido Popular, Ames terá un novo colexio no Milladoiro, execútanse obras de ampliación no colexio de Agro do Muíño, aumentan as axudas en Servizos Sociais dos que tanto lle gusta presumir ao concello e que gracias a Xunta de Galicia se realizan plans de inserción laboral no noso Concello como o InserAmes. Unha necesaria medida de fomento do emprego e que ano tras ano permite que varios veciños obteñan traballo”.

Oliva Agra rematou dicindo “finalmente e non por elo menos importante, senón todo o contrario, falemos de emprego e comercio. Seguimos sen saber cales son as medidas deste goberno para fomentar o consumo no comercio local e a creación de emprego. Xa o dixemos no pleno de orzamentos. O deseño dos orzamentos non amosa para nada unha decidida aposta deste goberno pola creación de emprego e fomento do consumo no comercio local. Esta claro que non é unha prioridade”.

Intervención de Víctor Fernández do Partido Socialista
O voceiro do grupo municipal socialista comezou a súa intervención dicindo que “a pesar de ser un goberno en minoría, ao que se lle auguraba unha diminución na súa capacidade de xestión, ao pasar de 13 membros a 8, a realizade que ningunha das políticas levadas a cabo durante estes oito anos, e ningunha das diferentes programacións xa asentadas e consolidadas dentro do abano de actividades desenvolvidas polo Concello, non se viu cuestionada nin reducida. Foron consolidadas e ademais incrementadas con novas liñas de actuación nas diferentes áreas de goberno”.

“No apartado de obras e servizos básicos destacou a posta en marcha da Empresa pública Augas de Ames, o compromiso co rural con novos investimento nas infraestruturas e arranxo de interiores das parroquias e dos núcleos do rural. Cómpre destacar que se vai licitar un contrato marco de arranxo de beirarrúas, por valor de 240.000 euros para catro anos, e outro para o mantemento do alumeado publico por 186.000 euros”.

“Na área deportiva continuase a traballar no centro deportivo do Milladoiro, a aposta pola optimización das instalacións en desuso cunha inversión de máis de 500.000 euros, para mellorar o campo de Ortoño coa construción dunha pista polideportiva e outra destinada a práctica do patinaxe, así como unha explanada para eventos; así como as actuación no campo do Biduído, que se está adaptando como campo de lanzamento homologado para a práctica de atletismo. Continuamos cun amplo abano de competicións deportivas, coa escolas deportivas e a implantación dun plan e axudas a deportistas de base con 10.000 euros”.

Emprego e comercio
No eido de emprego e comercio destacou “o éxito do programa de inserción Ames Emprega e Integra, que tivo lugar de xullo a decembro de 2023 cun total de 580 participantes dos que máis do 75 % foron mulleres; os programas integrados de emprego entre os concellos de Ames e Brión con 100 participantes e cunha porcentaxe de inserción próxima ao 50%; e o éxito dos obradoiros de emprego RENOVA”. Tamén salientou “a posta en marcha do Ames AV Lab, un laboratorio que impulsará a produción audiovisual, fomentará o talento emerxente local e posicionará o sector audiovisual amesán como referente a nivel galego e nacional”.

Neste mesmo eido destacou “a redacción do proxecto para a posta en marcha dunha praza de abastos na Casa Barbazán; a terceira edición da campaña de bonos para promocionar o comercio durante a época do Nadal; e maila aprobación da convocatoria de axudas para a promoción do comercio local”. Ademais, dixo “dende o goberno estamos traballando para aumentar o mercadillo e eliminar a lista de agarda e poñer en marcha unha nova edición do Canta con Ames e celebrarase por primeira vez o Baila con Ames”.

Educación e mocidade
A continuación sobre a área de mocidade dixo “mantivéronse todas as actividades de anos anteriores: campamentos, trouleando, viaxe á neve, lingua de signos, monitor de tempo libre, Galetiktokers, reforzo educativo. Ademais, fíxose a primeira edición da Xincana Xove, un obradoiro de son na Factoría, charlas para colectivos educativos: lentes violetas para perfís educativos; e participouse co departamento de Promoción Económica na iniciativa Volta ao cole”.

No eido educativo salientou que “realizáronse todas as tarefas de mantemento nos centros de ensino por valor de 63.000 euros, incidindo especialmente no CEIP de Barouta. Ademais, realizáronse obras de climatización no CEIP Agro do Muíño (12.883,82 euros), subministro e obras para a instalación de xogos na escola unitaria de Covas (5.791,45 euros), obras de mantemento e reparación do peche da pista polideportiva do CEIP A Maía (15.420,14 euros) e obras de mantemento de pintura nas fachadas (12.426,88 euros). Como novidade está prevista a licitación dun plan de mantemento para solucionar as deficiencias nas que o Concello teña competencias, e poder realizar unha xestións ordenada e programada destes mantementos evitando situacións coma as atopadas de falta de previsión”.

Benestar Social
Na área de Benestar Social destacou “deuse continuidade aos programas que xa se viñan desenvolvendo e puxéronse ne marcha novas iniciativas: novos contedores de recollida de roupa e calzado (2 por cada núcleo), mellora e ampliación do horario do transporte adaptado, campaña Fai Tribu para captar novos voluntarios/as neste ano 2024, e ampliación do programa  Xantar na Casa. Ademais, estase traballando na nova activación no noso Concello da mesa de igualdade, que tiñamos parada dende fai máis de dous anos, e retomouse a activación dos nosos maiores para incluílo dento da Red Mundial de Ciudades Amigables con las Personas Mayores.
 
Medio Ambiente
Víctor Fernandez dixo que na área de Medio Ambiente “retomouse o convenio entre Xunta, Fegamp e Concello para a xestión da biomasa nas faixas secundarias por parte da Xunta, a través de Seaga, para a limpeza de 10 hectáreas e 10 quilómetros de pistas ao ano. Os traballos comezaron na aldea de Ferreiros e executouse a limpeza de beirarrúas nas distintas pistas forestais do municipio. Continuase co Plan de prevención de incendios mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa correspondente ao ano 2024 no lugar de Cruxeiras.

En canto á Oficina de Transformación Comunitaria OTC de Ames dixo que se “está na fase final da redacción dos pregos para poder poñela en marcha antes do verán”. Sobre a aldea Modelo de Ferreiros indicou que “estase coa posta en marcha, prevista para mediados deste ano. Na parte que toca ao Concello estamos acondicionando os accesos, facendo as limpezas, e plantexando unha ruta dende A Ponte Maceira ata Ferreiros”. Por último, destacou “a creación de novas hortas urbanas en Agro do Muíño inauguradas en decembro do ano 2023 e adxudicadas en marzo deste ano. Este espazo consta de 27 parcelas de 35 metros cadrados cada unha”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames ya no es Barrio Sésamo"

El Correo Gallego: "Ames quiere poner en marcha su comunidad energética y la aldea modelo de Ferreiros a mediados del presente año"

O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello

Multimedia

  • O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello
  • O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello
  • O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello
  • O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello
  • O avance de Ames marcou o debate do pleno extraordinario sobre o estado do concello