[13-09-2012] A praza da Maía de Bertamiráns acolle durante todo o día de hoxe a unidade móbil do Tour Experiencias Galicia Calidade, na que se presenta esta campaña, se imparten Showcookings e se levan a cabo demostracións de cociña. Ademais, os asistentes reciben unha serie de obsequios, entre os que se inclúe un receitario no que se recollen os pratos, sempre elaborados con produtos galegos, que se cociñan no marco desta campaña. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitaron esta mañá a unidade móbil e participaron na demostración de cociña que se desenvolveu ás 12:30 horas.
A esta cita acudiron máis dunha decena de veciños e veciñas amienses, que puideron aprender a elaborar unhas empanadillas recheas de masa de croquetas de mexillóns. A encargada de elaborar a receita e de explicar todos os trucos de elaboración foi a chef da campaña Tour Experiencias Galicia Calidade, Marian Rodríguez. Ao remate da degustación, os asistentes amosáronse encantados coa experiencia e cos coñecementos adquiridos no showcooking.
Pola tarde, a unidade móbil volverá estar aberta ao público e acollerá dúas novas demostracións de cociña: ás 17:30 e 19:00 horas. Ademais, os nenos e nenas de Ames poden gozar dos inchables instalados na praza.
A Consellería de Economía e Industria, a través da entidade Galicia Calidade, puxo en marcha esta campaña de promoción que percorrerá ata o próximo 29 de setembro un total de 35 localidades das catro provincias co obxectivo de informar sobre o selo de garantía e promover o consumo de produtos galegos. O obxectivo prioritario de Galicia Calidade é achegar esta campaña ás asociacións de amas de casa e aos consumidores, así como á cidadanía en xeral.
A intención do Tour Experiencias Galicia Calidade é achegar aos usuarios non só a calidade dos produtos con selo de Galicia Calidade, se non tamén, ao mesmo tempo, as súas aplicacións na cociña. Galicia Calidade quere achegarlle á cidadanía o mellor da nosa terra e que a xente coñeza como se pode sacar o máximo partido á mellor selección de produtos, coa garantía das marcas galegas máis prestixiosas. Isto faise da forma máis atractiva, interactiva e amena posible para xerar no consumidor a maior sensación de proximidade posible, por iso Galicia Calidade sae a rúa.
Actividades variadas
As actividades que se enmarcan dentro deste Tour baséanse principalmente en impartir Showcookings e facer demostracións de cociña con produtos de Galicia Calidade. Estas pódense seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior. Os produtos cociñados repártense entre o público, ao que tamén se lle ofertan receitarios. Concretamente, ao longo do día faranse tres demostracións de cociña, de aproximadamente 60 minutos cada unha.
Ademais, na unidade móbil aparcada na praza da Maía, situada en Bertamiráns, ofrécese información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas galegas e os produtos e servizos asociados.
A marca Galicia Calidade, que se propuxo con esta iniciativa chegar a 35.000 persoas, conta con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas.




