Pestanas principais

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres o espectáculo "Cocido Sinfónico" da compañía Os Tres Tenedores

Mércores, 24 de febreiro de 2016

[24-02-2016] Este venres, 26 de febreiro, continúa a programación teatral amesá coa representación na Casa da Cultura do Milladoiro do espectáculo "Cocido sinfónico" da compañía Os Tres Tenedores. O espectáculo comezará ás 18:30 horas e as entradas xa están á venta na Billeteira electrónica municipal, á que se pode acceder dende o banner da páxina web do Concello. Os tíckets de entrada tamén se poden adquirir na billeteira da propia Casa da Cultura unha hora antes do comezo da obra.

Trala imposibilidade de actuar durante a programación de Nadal os Tres Tenedores pisan escenario amesán este mes de febreiro. Cocido sinfónico é un espectáculo innovador de teatro, música e humor, dirixido a un público infantil e familiar. Saúl Cacharrón, Paco Nogueiras e Martín Nogueira son os encargados de preparar este "cocido" musical. O menú está composto de música interpretada en directo, clown e moito humor.

Tres vagabundos transfórmanse en cociñeiro, xefe de cociña e camareiro ao tempo que lles mostran a nenos e nenas a súa forma, moi particular, de preparar suculentos pratos. Enriba da mesa, acompañados polos tres tenedores, os pratos do Cocido sinfónico deixarán un regusto con sabor a risas no público.

Os Tres Tenedores levan dende o 2010 actuando por toda Galicia cunha bagaxe de máis de 60 actuacións. Contan con espectáculos innovadores de teatro, música e humor, dirixido a un público infantil e familiar onde se mestura o coñecemento sobre as distintas familias de instrumentos, estilos musicais máis relevantes, instrumentos de refugallo, variadas coreografías... ofrecéndoo dun xeito divertido, didáctico e orixinal, onde os rapaces e rapazas son tamén os protagonistas principais do espectáculo. En definitiva, trátase un grupo de docentes e musicólogos con ampla experiencia no eido das artes escénicas e musicais.

O prezo das entradas para asistir a este espectáculo é de 4 euros. Os maiores de 65 anos, menores de 12 e os estudantes poderán adquirila por un prezo reducido de 2 euros. As entradas xa están á venta na Billeteira electrónica municipal, á que se pode acceder dende o banner da páxina web do Concello. Os tíckets de entrada tamén se poden adquirir na billeteira da propia Casa da Cultura unha hora antes do comezo da obra.