Pestanas principais

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este mércores, 20 de marzo, o terceiro pleno sobre o estado do Concello de Ames

Martes, 19 de marzo de 2019

[19-03-2019] Este mércores, 20 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase o terceiro pleno extraordinario sobre o estado do Concello de Ames. Será a terceira sesión plenaria aberta despois das feitas en 2017 no Milladoiro e da celebrada o ano pasado en Bertamiráns. Este pleno terá un único punto, que será o debate do estado do Concello durante o último ano. Deste xeito, vólvese a facer un pleno aberto no Milladoiro, despois do celebrado en marzo de 2017, que foi o primeiro pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno des estado.

O primeiro pleno do estado do Concello de Ames, celebrado en marzo de 2017, serviu para facer balance dos preto de dous anos que levaba naquel momento gobernando o tripartito formado por PsdG, Contigo Pódese e BNG. O segundo pleno do estado do municipio celebrouse en marzo de 2018 na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Nesta ocasión, o pleno do estado do Concello volver a realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e servirá para falar da xestión do goberno durante o último ano. Este será o último pleno de estado do municipio do actual mandato.

A través desta sesión plenaria trátase de abrir os plenos á veciñanza naqueles temas de maior importancia como pode ser debater sobre a xestión e traballo que está realizando o goberno municipal. Estes plenos desenvólvense nos auditorios das Casas da Cultura por ter maior aforo que o salón de plenos da Casa do Concello e son froito do acordo acadado ao inicio da lexislatura para a aprobación do regulamento de organización do Concello no que se regula o formato e tempos de intervención deste tipo de plenos.

Así pois, este mércores, 20 de marzo, e dando cumprimento ao regulamento que indica que dentro dos tres primeiros meses do ano debe ter lugar o pleno do estado do Concello, haberá unha nova oportunidade de escoitar o balance do ano 2018 e do primeiro trimestre de 2019, que farán os grupos de goberno e da oposición. Deste xeito, convídase a toda a cidadanía a que se achegue a escoitar este balance anual.