Pestanas principais

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns reabre hoxe para acoller as proxeccións do Festival Cinema Crianza

Venres, 15 de decembro de 2017

[15-12-2017] Este venres, 15 de decembro, reabrirá o auditorio da Casa de Cultura de Bertamiráns após seis meses de obras. A finalización das mesmas, que estiveron incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación Provincial da Coruña 2015, foi supervisada polo alcalde de Ames, José Miñones, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. As Casas da Cultura municipais acollerán hoxe a inauguración do festival de cine infantil, Cinema Crianza, que se desenvolverá ao longo desta fin de semana en Ames.

Ao longo de seis meses, a Casa da Cultura de Bertamiráns estivo en obras co obxectivo de paliar as deficiencias detectadas nesta infraestrutura. Alén das melloras realizadas na fachada e na cuberta mediante a execución de tarefas de impermeabilización, tamén se levaron a cabo modificacións no patio de butacas e no anfiteatro do auditorio, incrementando o nivel da pendente do solo nas dúas zonas de butacas. O auditorio tamén sufriu outras modificacións coa creación dun novo acceso desde o interior á cabina dos técnicos. A maiores, tamén se realizaron melloras no sistema de calefacción.

A finalización das obras foron supervisadas polo alcalde do Concello de Ames, José Miñones, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. “Desde o goberno démoslle prioridade a estas obras que constitúen unha reforma integral deste edificio municipal, a primeira con carácter global e que afecta ao auditorio desde o ano 1997, momento no que se inaugurou este centro sociocultural”, destacou Santomil. Estes traballos, que foron incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación Provincial da Coruña, foron adxudicados á empresa CYS Hispania SL por 67.553 euros (IVE inlcuído). 

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns reabrirá este venres, 15 de decembro, para acoller a inauguración do festival de cine infantil, Cinema Crianza, que se desenvolverá en Ames ao longo desta fin de semana, na dúas Casas da Cultura municipais. No total, proxectaranse 70 pezas cinematográficas procedentes dos cinco continentes, que estarán destinadas ás diferentes franxas de idade. O festival, que nace coa vontade de propiciar nas nenas e nenos a descuberta e o gusto polo cinema, pretende ser tamén unha porta aberta á interculturalidade que potencie, ao tempo, unha reflexión sobre valores, ideas e pensamentos de alto valor social e cultural.