[05-07-2018] O Concello de Ames súmase á celebración da Semana da Ópera coa retransmisión de “Lucia di Lammermoor”. Será este sábado, 7 de xullo, ás 21.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta iniciativa enmárcase dentro da Semana da Ópera, que permitirá ver esta produción, procedente da English National Opera, en museos, teatros, centros culturais, prazas, parques, auditorios e concellos de toda España e tamén en Facebook Live, Palco Digital e Opera Vision. A entrada ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns será de balde ata completar aforo.
O Teatro Real celebra a cuarta edición da Semana da Ópera entre os días 2 e 8 de xullo, cunha serie de actividades destinadas a todos os públicos, gratuítas e participativas, coas que quere que todos se sumen á conmemoración do seu Bicentenario. Unha destas actividades é a retransmisión desta Ópera que é un drama tráxico composto por Gaeteno Donizetti. Trátase da segunda ópera máis representada deste compositor. Está baseada no Best-Seller do século XIX “The bride of Lammermoor” de Walter Scott. Estrouse no Teatro San Carlo (Nápoles) o 26 de setembro de 1835 e está considerada “a traxedia operística por excelencia”.
Con motivo da celebración da Semana da Ópera, os veciños e veciñas de Ames terán a ocasión de gozar da representación da ópera “Lucia di Lammermoor”, a través da retransmisión que se realizará este sábado, 7 de xullo, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A través do sinal desde o Teatro Real da Ópera, os e as asistentes poderán presenciar o máis logrado e célebre da extensa lista de dramas líricos de Gaetano Donizetti. Daniel Oren, na dirección musical, e David Alden, na dirección escénica, transportarannos á fría e húmida Escocia xunto a un reparto no que destacan Lisette Oropesa, Venera Gimadieva, Javier Camarena, Ismael Jordi e Roberto Tagliavini, entre outros.
A última vez que se representou esta obra operística no Teatro Real foi en novembro de 2001. En total representouse en 242 ocasións ao longo dos 200 anos de vida do Teatro Real. Narra a tráxica historia de dou amantes frustrados que acaba en loucura e asasinato. Vaise retransmitir en moitos lugares de toda España, en auditorios e ao aire libre. Aquí en Galicia retransmitirase nos concellos de Cambre, Ordes, Ames, O Grove e Lugo.
Trama da obra operística
A trama de “Lucia di Lammermoor” xira en torno a unha moza namorada que cae na máis profunda desesperación ao verse acusada polo seu amante da traizón por casarse contra a súa vontade, con outro home. O que o amante descoñece é que as nupcias celebráronse baixo unha falsa presunción de infidelidade. A dor que inunda á moza agonía ata o punto de facela tolear, dando pé a unha das escenas máis célebres da historia da ópera, tanto pola súa xenialidade musical como polo nivel de introspección psicolóxico que revela. O ineludible tráxico desenlace rubrica unha obra que mantén hoxe intacta a súa capacidade para emocionar.
Dende o pasado 22 de xuño e ata o próximo 13 de xullo, o Teatro Real ofrece quince funcións de “Lucia di Lammermoor”. Baseada na novela histórica de Walter Scott, “The Bride of Lammermoor”, que Salvatore Camarano transformou en libreto, a ópera é fiel reflexo do melodrama romántico con emocións, amores imposibles, conflitos ancestrais, traizóns, tolemia, morte… Donizetti compuxo a música en apenas un mes, influenciado polo triunfo de I puritani, do seu rival Vincenzo Bellini, cuxa ópera ten tamén unha estremecedora escena de tolemia.
A retransmisión desta obra terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 21.30 horas deste sábado 7 de xullo. A entrada é de balde ata completar aforo. Os dous primeiros actos terán unha duración de hora e media, tralos que haberá unha pausa de cinco minutos. A continuación desenvolverase o terceiro acto, cunha duración dunha hora e cinco minutos.
Contido relacionado
Lindeiros: "A Ópera Lucia di Lammermoor poderase ver en Ames"
Compostela 24 horas: "O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 7 de xullo, a retransmisión da obra Lucia di Lammermoor con motivo da Semana da Ópera"