Pestanas principais

O Aturuxo de Melpómene trae este sábado ao Milladoiro a obra infantil “Misterios”

Xoves, 27 de outubro de 2016

[27-10-2016] Este sábado, 29 de outubro, o Circuíto Galego de Teatro Amador trae a súa terceira representación infantil a Ames. Trátase da obra “Misterios”, da compañía O Aturuxo de Melpómene, que acollerá o auditorio municipal da Casa da Cultura do Milladoiro. A obra comezará ás 18:00 horas e a entrada é de balde e libre ata completar o aforo. A cuarta e derradeira función en Ames deste programa terá lugar o sábado 5 de novembro.

Paula Carballeira dirixe a peza “Misterios”, do Aturuxo de Melpómene. A compañía actuará este sábado, 29 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Forman o elenco desta obra María López, Silvia Casal, Leandro Lamas e Lorena Montero. Como en todas as representacións do Circuíto Galego de Teatro Amador en Ames a entrada será gratuíta e poderase acceder ao auditorio ata completar o aforo dispoñible.

“Misterios” narra a historia de Mara, unha nena moi curiosa que quere atopar as respostas a todas esas preguntas que cruzan a súa mente no día a día. Para Mara hai días nos que o seu fogar, a casa da veciña, o galiñeiro ou a rúa se lle presentan repletos de enigmas. E para a pequena non hai cousa máis divertida e emocionante que resolvelos.

O Circuíto Galego de Teatro Amador, organizado pola compañía Fanfarra de Soños en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) trae este ano a Ames catro pezas dirixidas ao público infantil. As catro foron ideadas por compañías de teatro afeccionado galegas. A vindeira representación deste circuíto terá lugar o sábado 5 de novembro, ás 18:00 horas, en Bertamiráns. Desta volta a propia Fanfarra Teatro achegarase ao auditorio municipal para presentar a obra “O soñador de historias”.

Nacemento da compañía O Aturuxo de Melpómene
No ano 2007, da Escola de Teatro de Narón, nace a compañía O Aturuxo de Melpómene cun elenco formado por 13 alumnas e alumnos. A raíz disto da comezo unha andaina que os leva a ofrecer representacións de traballos propios en numerosos puntos de Galicia. Ademais de obras de teatro a compañía gravou varias curtametraxes e animacións de galas ou entregas de premios. Actualmente están representando, ademais de “Misterios”, a peza teatral “Terapia de bar”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Chega a obra ‘Misterios’ da man de Teatro Amador mañá"