Pestanas principais

O asesoramento xurídico gratuíto para asociacións culturais e clubs deportivos de Ames atendeu preto de 20 consultas no seu primeiro mes de funcionamento

Martes, 19 de novembro de 2013

[19-11-2013] A asesoría xurídica gratuíta posta en marcha polo Concello de Ames para atender a asociacións culturais e clubs deportivos rexistrou no seu primeiro mes de funcionamento unha moi boa acollida, xa que se contabilizaron preto de 20 consultas de distintas entidades do municipio en catro xornadas de atención ao público. Este servizo, posto en marcha en colaboración cun despacho de avogadas situado no Milladoiro, ten como obxectivo responder a todas as cuestións relativas ás asociacións e colectivos amienses.

O servizo, que non ten custe económico nin para o Concello nin para as asociacións, préstase todos os mércores, en horario de 16:30 a 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e está aberto a todas as asociacións culturais e clubs deportivos con sede en Ames. En total, no seu primeiro mes de funcionamento as dúas avogadas que prestan este servizo atenderon a preto de 20 entidades, unha cifra significativa tendo en conta que a atención se presta nun único día á semana.

As principais cuestións atendidas por este servizo de atención xurídica foron as relativas á presentación de documentación para a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades deportivas. Con todo, o asesoramento xurídico segue dispoñible os mércores pola tarde na Casa da Cultura do Milladoiro para todas as asociacións culturais e clubs deportivos que así o precisen. Neste servizo está incluído toda actividade de asesoramento legal relacionada coa asociación ou club do que se trate, así como dos seus membros no que se refire á súa condición de asociados. Entre outras cuestións, este asesoramento inclúe un amplo abanico de posibilidades e, por exemplo, pode referirse tanto á correcta presentación de documentación nas convocatorias públicas de achegas como ao cumprimento das obrigas fiscais por parte das entidades.

O obxectivo deste servizo é ofrecer apoio aos clubs e asociacións en todas aquelas cuestións relacionadas co ámbito xurídico, para facilitarlles o seu traballo diario e a presentación de solicitudes de axudas. Este servizo préstase en virtude dun convenio asinado polo Concello de Ames e as avogadas Natalia Quinteiro Nogueira e Mª del Pilar Estévez Rodríguez, que nace como resposta ás dúbidas e inquedanzas transmitidas por moitas entidades respecto de trámites e cuestións xurídicas.

O acordo asinado o pasado mes de outubro reflicte que se considera de interese público municipal a posta en marcha de liñas de acción conxunta para prestar asesoramento de tipo xurídico a todos aqueles clubs e entidades, inscritos no rexistro municipal de asociacións do Concello de Ames, que estean interesados en recibir dito asesoramento.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O asesoramento xurídico gratuíto para asociacións culturais e clubs deportivos de Ames atendeu preto de 20 consultas"