Pestanas principais

O Apego de Ames segue con música e humor para a cativada, coa actuación de Pakolas no Milladoiro

Xoves, 02 de decembro de 2021

Dende hoxe está aberto o prazo para inscribirse en “Ramona Órbita”, un espectáculo musical do autor e compositor Paco Cerdeira, Pakolas. O programa Apego de Ames presenta unha proposta chea de humor, aventuras e viaxes no tempo a través da música. O concerto será na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 10 de decembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

O autor, compositor e produtor de músico infantil Paco Cerdeira, máis coñecido polo seu nome artístico Pakolas, contará a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e o máis destacado: dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. A través das cancións, faranse saltos temporais, dende a prehistoria ata o futuro, co fin de conseguir unha sociedade máis ecoloxista e concienciada co medio.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o xoves 9 de decembro.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Apego trae o espectáculo de Pakolas este venres 10"

O Apego de Ames segue con música e humor para a cativada, coa actuación de Pakolas no Milladoiro

Multimedia

  • O Apego de Ames segue con música e humor para a cativada, coa actuación de Pakolas no Milladoiro