Pestanas principais

O Apalpador bota raíces entre a cativada amesá

Venres, 24 de decembro de 2021

Unhas catrocentas persoas, repartidas en catro sesións dunha hora, recibiron ao Apalpador o venres pasado no patio do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida: as nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas.

Xunto a Lor, o seu burriño de madeira, o Apalpador contou a súa historia ás familias que asistiron ao encontro, onde amosou a súa preocupación pola lingua galega, por unha boa alimentación e polo coidado do medio ambiente, coas árbores como vehículo para construír a metáfora da vida e das raíces. Da mesma maneira na que as árbores enchen de vitalidade o noso planeta, a rapazada nutre ao galego para que bote raíces e siga vivo.

Para reforzar este vínculo entre as crianzas, a natureza e a lingua, o Apalpador repartiu uns agasallos moi especiais á cativada que o foi visitar: unhas árbores autóctonas nadas na terra do Apalpador, a Serra do Courel, que as nenas e nenos deberán coidar e plantar nun bo lugar. As máis de 200 árbores, entre as que se atopaban érbedos, loureiros, bidueiros e sobreiras, foron acompañadas dun “carné de árbore”, para que a rapazada escriba e recorde o nome da árbore, o lugar e o día onde se plantou, e as cousas que lles contaron antes de seren plantadas na terra.

Á actividade, parte do programa Apego de Ames, asistiron unhas catrocentas persoas, repartidas en catro sesións dunha hora durante a tarde do pasado venres 17 de decembro. O contador Anxo Moure foi o encargado de interpretar ao Apalpador, como parte do seu proxecto cultural e medioambiental “Contos solidarios”, co que percorre Galicia, Asturias, Portugal e o Bierzo dende o ano 1989.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Catrocentas persoas gozaron co Apalpador"

O Apalpador bota raíces entre a cativada amesá

Multimedia

  • O Apalpador bota raíces entre a cativada amesá