Pestanas principais

O Apalpador baixa do Courel para visitar as crianzas de Ames o venres 11 de decembro

Venres, 04 de decembro de 2020

Chega o Nadal e, con el, o Apalpador, que deixa as montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas do Concello de Ames. O contador Anxo Moure transfórmase nesta figura e estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá un agasallo sorpresa para cada crianza que se achegue.  Para asistir é imprescindible inscribirse previamente, até o 10 de decembro, escribindo a  normalización@concellodeames.gal.

O Apalpador baixa a finais do mes de decembro e, de casa en casa, comproba que nenos e nenas comesen ben durante todo o ano. Esta personaxe lendaria galega antigamente deixáballes presas de castañas ás crianzas e agasallos que el mesmo facía. Dende hai tempo trátase de recuperar e modernizar esta figura con ampla presenza na tradición propia de Galicia.

O contador Anxo Moure será o encargado de poñerse na pel do Apalpador e de conducir estas sesións con cantos e contos para explicar a súa orixe e sensibilizar ás persoas asistentes sobre o coidado do medio. Ademais, virá cargado cun agasallo sorpresa que levarán para a casa todas as crianzas que veñan coñecelo e recollerá as cartas que as nenas e os nenos queiran deixarlle.

A actividade realizarase no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro en diferentes sesións ao longo de toda a tarde para que poidan participar na actividade e recoller o agasallo todas as familias que se anoten. Por mor da situación actual, a visita será en exterior e con todas as medidas de seguridade, motivo polo que se recomenda ás familias que veñan con roupa de abrigo.

Para asistir é preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos de todas as persoas que queiran acudir, a idade das crianzas e o teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto até o xoves 10 de decembro. O Servizo de Normalización Lingüística confirmará por correo todas as inscricións e asignaralles unha hora a cada unha das familias.

O programa Apego
Esta actividade, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística, pertence ao programa Apego. Esta iniciativa está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames, enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "O Apalpador volve visitar ás nenas e nenos de Ames"

O Apalpador baixa do Courel para visitar as crianzas de Ames o venres 11 de decembro

Multimedia

  • Cartel Apalpador Ames