[11-12-2015] Chegan os meses invernais e, con eles, o Apalpador, que deixa as montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas. Esta semana tocoulles aos de Ames recibilo. O contador de contos, Anxo Moure, encarna a esta figura da mitoloxía galega que visitou ao alumnado dalgúns centros educativos de infantil e primaria, así como aos rapaces e rapazas escolarizados nas escolas unitarias de Ames. Con esta actividade dáse inicio á programación cultural que preparou o Concello de Ames para a época de Nadal.
O Apalpador, un home xigante e barbudo, baixaba a finais do mes de decembro e, de casa en casa, comprobaba que nenos e nenas comesen ben palpándolles na barriga. Esta personaxe lendaria galega deixaba presas de castañas aos pequenos e agasallos que el mesmo facía. Dende fai un tempo trátase de recuperar esta figura tradicional, que foi sendo desprazada pouco a pouco pola de Santa Claus ou os tres Reis Magos.
O contador de contos galego, Anxo Moure, foi o encargado de poñerse na pel do Apalpador. Moure relatoulles aos nenos e nenas a súa orixe, transportándoos nunha viaxe para coñecer a fauna e flora do Courel onde habita o resto do ano. Alumnos e alumnas coñeceron da man do Apalpador a historia da Coureliña, lobiña do Courel cuxo hábitat se atopa en perigo pola progresiva desaparición dos bosques e a contaminación. A personaxe pediulles a todos que medrasen coidando da natureza, respectándoa e axudando á súa conservación.
O Apalpador non veu só cargado de contos, castañas e agasallos, senón tamén de música, e non marchou sen antes apalpar as barrigas de nenos e nenas para comprobar que comían ben. Ademais preguntoulles pola súa alimentación, explicándolles os beneficios da comida da casa, do queixo e do leite dos gandeiros galegos, e da necesidade de evitar 'as hamburguesas ou as chuches'.
Os centros que recibiron ao Apalpador son a Escola Infantil Galiña Azul do Milladoiro, a Escola Infantil Municipal da Madalena e o CEP de Ventín o xoves e a Escola Infantil Municipal do Bosque e as escolas unitarias de Terroeira e Covas o venres.
Esta actividade abre a programación de Nadal que organizou o Concello de Ames a través da concellaría de Cultura. Durante os meses de decembro e xaneiro terán lugar, entre Bertamiráns e no Milladoiro, oito representacións, cinco encontros deportivos (entre eles a Gala de Fútbol Feminino en xaneiro), tres concertos e seis obradoiros para a infancia e a mocidade, como o de robótica ou o obradoiro de DJ.




