Pestanas principais

O Amor centra a programación da Biblioteca municipal para febreiro

Martes, 01 de febreiro de 2011

[01-02-2011] "Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?", este é o lema da programación de animación á lectura que puxo en marcha a Biblioteca municipal para este curso. Durante o mes de febreiro continúa a programación de contacontos dirixida aos nenos e nenas maiores de 3 anos. Debido a que o vindeiro 14 de febreiro celébrase o día dos namorados o amor centrará a temática dos contos durante todo este mes. Estas actividades da Biblioteca municipal atoparán o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Ademais, vaise organizar un obradoiro de poesía para os días 9 e 10 de febreiro. Para participar neste obradoiro hai que inscribirse entre o 24 de xaneiro e o 5 de febreiro nas bibliotecas.

As actividades de contacontos seguen adiante en febreiro na Biblioteca Municipal de Ames, como o mes pasado, baixo a campaña "Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?" que busca animar aos cativos e cativas á lectura. Nesta ocasión, polo mes no que nos atopamos, a temática dos contos xirará arredor do Amor. O lema de febreiro é "Ai, o Amor". Ademais, vaise organizar un obradoiro de poesía para os días 9 e 10 de febreiro.

As actividades de contacontos levaranse a cabo en varios lugares, dependendo do día. As dúas primeiras sesións deste mes serán, o mércores 2 na biblioteca do Milladoiro e o xoves 3 na biblioteca de Bertamiráns. Os días 14 e 15 levarase a cabo nos locais sociais de Augapesada e Bugallido, respectivamente. O mércores 16 será a Biblioteca de Bertamiráns a que acolla a representación dos contos, e o xoves 17 pechase a programación deste mes no Milladoiro. Todas as actividades de contacontos terán lugar ás 18:00 horas.

A programación de actividades da biblioteca municipal continua e para o mes de febreiro está previsto un obradoiro de poesía para os días 9 e 10 de febreiro. Para participar neste obradoiro hai que inscribirse entre o 24 de xaneiro e o 5 de febreiro nas bibliotecas. Neste obradoiro os nenos e nenas, maiores de 8 anos, poderán participar en diferentes actividades como a construción de pequenos poemas e rimas. Tamén poderán facer pareados e relatar trabalinguas. Esta actividade levarase a cabo ás 18:30 horas.

O sábado 5 de marzo celébrase o entroido no concello de Ames. Todos os nenos/as e adultos que queiran participar na comparsa da biblioteca teñen que inscribirse ata o 14 de febreiro. Todos os anos a biblioteca municipal participa nas actividades do Entroido mediante unha comparsa. Os nenos e nenas que forman parte desta comparsa elaboran previamente os seus disfraces nas bibliotecas.