- Tematica
Do 12 ao 14 de decembro de 2025 disputouse en Puerto de la Cruz (Tenerife) a Gran Final da Liga Nacional de Karate, unha competición na que participaron os 8 mellores karatekas de España en cada categoría do ranking nacional. O amesán Xoán David Parga García logrou acadar un gran resultado, conseguindo a medalla de bronce na categoría kumite sub-21 -60 kg, despois de tres grandes combates. Ademais, a súa irmá Olivia Parga quedou en primeira posición, na categoría kumite cadete -47 kg avanzado, na segunda xornada da Liga Galega de karate.
Os irmáns Xoán e Olivia Parga García volveron a lograr grandes resultados durante este mes de decembro. Xoán David Parga disputou do 12 ao 14 de decembro en Puerto de la Cruz (Tenerife) a Gran Final da Liga Nacional de Karate, onde logrou a medalla de bronce. No primeiro combate gañou por 3-1 o rival madrileño do club Kyodai, pasando a semifinais, onde se enfrontou de novo a un rival madrileño do club Kyodai. Neste segundo combate perdeu por 3-0.
Na loita polo bronce enfrontouse ao rival do club Wadokan de Toledo, no que despois dun gran combate no que finalizaron 7-7, acadou a vitoria xa que tiña a vantaxe inicial, obtendo o ansiado metal. Gran final de tempada para Xoán David que lle permite seguir traballando con optimismo para afrontar a nova tempada e que afronta con moita ilusión.
II xornada Liga Galega Ferrol
Por outra banda, o pasado 20 de decembro, Olivia Parga García participou na II xornada da Liga Galega de Karate, que se celebrou no pavillón da Malata de Ferrol. A karateka amesá disputou dous combates contra grandes rivais, o primeiro contra unha karateka do club Shihan de Lugo á que lle gañou por 3-1, pasando á final onde derrotou a rival do club Karate Lantes Naveiras da Coruña por un axustado 3-2, despois de empezar perdendo o combate.
Deste xeito, quedou campioa desta segunda xornada na categoría kumite cadete -47 kg avanzado. Con este resultado afianzase na liga galega no primeiro posto dando un paso máis para intentar conseguir o Grand Winner do ano 2026 e confirma o bo comenzo desta tempada. Agora tócalle seguir adestrando para preparar a primeira xornada da Liga Nacional, que se vai celebrar no mes de xaneiro en Valdepeñas.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "O amesán Xoán David Parga García acada a medalla de bronce na fase final da Liga Nacional de Karate"








