Pestanas principais

O amesán Borja Golán é subcampión de Europa de squash

Luns, 09 de setembro de 2019

O xogador amesán, Borja Golán, quedou subcampión no Europeo de squash disputado a semana pasada na cidade de Bucarest. Golán non puido revalidar o europeo de squash conseguido en 2018 ao perder na final co xogador alemá Rapahel Kandra por 11-6, 11-8, 7-11, 7-11, 12-10. Foi unha final moi igualada na que o xogador de Ames quedou a dous puntos de conseguir o seu terceiro título continental. En 2016 Borja Golán conseguiu o seu primeiro título europeo, en 2017 quedou terceiro e en 2018 volveu a proclamarse campión. Esta foi a sexta final europea que disputou Golán.

O amesán, Borja Golán, logrou este sábado pasado, o subcampionato de Europa despois de perder na final contra o xogador alemá Rapahel Kandra por 11-6, 11-8, 7-11, 7-11, 12-10. Foi unha final moi igualada na que o xogador de Ames, despois de perdeu os dous primeiros sets, foi quen de igualar o partido gañando o terceiro e cuarto set. O quinto e último set tamén foi igualado, gañando finalmente Rapahel Kandra por 12-10.

Previamente, Borja Golán, que disputou o torneo como terceiro favorito, derrotou en cuartos ao checo Martin Svec por 11-7, 11-3 e 11-9. No partido de semifinais venceu ao suízo, número dous do torneo, Nicolás Mueller, cunha gran contundencia ao gañarlle en 32 minutos por 11-4, 11-5, e 11-2 en 32 minutos. Na final, o xogador amesá non puido gañarlle ao alemá Rapahel Kandra, número un do torneo, que se adxudicou o título continental.  

En 2016 Borja Golán converteuse no primeiro español en proclamarse campión de Europa de squash tras superar en Praga na final ao francés Gregory Gaultier. En 2017 quedou terceiro e en 2018 volveu a proclamarse campión de Europa ao gañarlle na cidade de Graz (Austria), ao británico George Parker. Esta foi a sexta final europea que disputou Golán, das cales quedou subcampión europeo en 2006, 2012, 2015 e agora en 2019.

Borja Golán explicou que “este foi o primeiro torneo da temporada polo que todos chegamos un pouco faltos de rirmo de competición. Eu adestrei moi ben os dous últimos meses o que permitiu chegar ben a este torneo. O primeiro partido saqueino adiante sen problema, pero a partir de cuartos de final xa foron partidos moito máis competidos en pista de cristal, o que é diferente xa que normalmente non adestramos en pista de cristal e levamos dende o mes de maio sen xogar neste tipo de pista. Nos partidos de cuartos e de semifinais atopeime moi ben contra dous xogadores de bo nivel”.

Respecto da final comentou que “nos dous primeiros xogos non entrei todo o ben que me gustaría. Estiven un pouco máis lento do normal e con falta de precisión. Empecei perdendo 2-0 e despois puiden gañar os dous seguintes xogos para igualar o partido. A final decidiuse nos últimos xogos do quinto set e desta volta non puido ser. Aínda así estou moi contento porque para ser o primeiro torneo da temporada competín a moi bo nivel. Agora a agardar que os seguintes torneos salgan ben e ter unha boa temporada”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “é un gran orgullo que Borja leve o nome de Ames por toda Europa. Dende o Concello felicitámolo por este novo subcampionato de Europa. Parabéns e a seguir gozando de cada triunfo acadado”.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Borja Golán, subcampeón de Europa de squash"

Lindeiros: "Borja Golán subcampión de Europa de squash"

O amesán Borja Golán é subcampión de Europa de squash

Multimedia

  • O amesán Borja Golán é subcampión de Europa de squash