Pestanas principais

O amesán Borja Golán consegue o décimo quinto campionato de España absoluto de squash

Luns, 13 de febreiro de 2017

[13-02-2017] Esta pasada fin de semana disputouse en Madrid o campionato de España absoluto de squash no que o amesán, Borja Golán, sumou o seu décimo quinto título nacional. Golán venceu na final por tres sets a cero ao catalán Iker Pajares. Dende o ano 2002, no que gañou a seu primeiro campionato de España, o xogador amesán gañou todos os títulos disputados, excepto o do ano no que tivo unha grave lesión de xeonllo e non puido participar.


Borja Golán conseguiu o seu décimo quinto campionato de España despois de gañarlle na final ao número 76 do mundo, Iker Pajares. Golán gañou por 3-0 (11-5, 11-3 e 11-2) en 48 minutos de xogo. Aínda que o resultado parece que foi un partido sinxelo, o campión amesán indicou que saíu moi concentrado e que disputou un dos mellores partidos dos últimos meses que lle permitiu sumar un novo campionato nacional. Cómpre destacar que Golán gañou o campionato sen ceder nin un só set, o que indica a concentración e as gañas coas que disputou este torneo nacional.

Borja Golán chegou á final despois de impoñerse en semifinais a Edmon López por 3-0 (11-4 11-3 11-3), mentres que o seu rival na final, Iker Pajares, gañou en semifinais a Bernat Jaume, subcampión da edición de 2016, cun resultado de 11-7 11-4 11-5. Anteriormente, en cuartos de finais Golán gañoulle a Pascal Gómez por tres sets a cero. Carlos Cornes, tamén do Squash Club Santiago, perdeu no partido de cuartos de finais contra Bernat Jaume. O campionato de España absoluto de squash disputouse entre os días 10 e 12 de febreiro no Sport Club Castellana de Madrid.

Borja Golán explica que “o nivel en España cada vez é máis alto e hai máis xogadores que están xogando no circuíto profesional, co cal a competencia é más dura. E eu xa son un xogador veterano e eles son moito máis xóvenes que eu, pero aínda así puiden facer un bo torneo e puiden gañar outro título nacional. Cada ano afronto este campionato con moita ilusión e cada ano ten un sabor especial porque son etapas e rivais diferentes aos que me teño que enfrontar. Nunca me canso de gañar”. Por último, o xogador amesán indicou que non hai tempo para o descanso xa que este mesmo martes disputa un partido de Liga inglesa en Londres.