Pestanas principais

O amesán Borja Golán consegue o décimo cuarto campionato de España absoluto de squash

Martes, 12 de abril de 2016

[12-04-2016] Esta pasada fin de semana disputouse en Madrid o campionato de España absoluto de squash no que o amesán, Borja Golán, sumou o seu décimo cuarto título nacional. Golán venceu na final por tres sets a cero ao barcelonés Bernat Jaume. Dende o ano 2002, no que gañou a seu primeiro campionato de España, o xogador amesán gaño todos os títulos disputados, excepto o do ano no que tivo unha grave lesión de xeonllo e non puido participar. Carlos Cornes, tamén do club squash Santiago, rematou na terceira posición.

Borja Golán conseguiu o seu décimo cuarto campionato de España despois de gañar, de maneira moi rápida na final ante un dos xogadores que máis destacou nesta cita, Bernat Jaume. Unha final que se resolveu co resultado de 11-8, 11-2 e 11-3 a favor do xogador amesán, que na actualidade é número 15 do ranking mundial.

O campionato de España absoluto de squash disputouse entre os días 8 e 10 de abril no Sport Club Castellana de Madrid. O venres, na primeira rolda, Borja Golán gañoulle ao mallorquino, Luigi Laner por tres sets a cero. Na segunda rolda venceu ao navarro David Marín, tamén por 3-0. Xa na xornada do sábado, en cuartos de finais tivo que enfrontarse ao catalán, Iker Pajares, de 20 anos de idade e que participa no circuíto internacional, por 3-1.

O sábado pola tarde, en semifinais, Golán tivo que enfrontarse ao seu amigo e compañeiro de club, Carlos Cornes, que que venceu por 3-0. Por último, o domingo na final, gañoulle ao barcelonés Bernat Jaume, tamén por tres sets a cero. En todo o torneo, Borja Golán, só perdeu un set o que indica a concentración e as gañas coas que disputou este torneo nacional.

Borja Golán explica que “todos os anos afronto coa mesma ilusión este torneo. O máis especial foi o primeiro título conseguido no ano 2002, porque creo que a todo deportista lle fai ilusión ser o campión de España no seu deporte”. O xogador amesán tamén indica que “nunca te acostumas a gañar este tipo de torneos, porque cada ano todos che queren gañar entón tes que xogar con moita concentración porque un mal partido pódete botar fóra do torneo”. Golán finaliza dicindo “trato de gozar con cada partido e cada torneo que disputo porque non sei ata cando poderei xogar a este deporte ao máximo nivel”.

Campionato feminino de España
Por outra banda, a viguesa Xisela Aranda conseguiu o seu sétimo título nacional ao gañarlle na final á xoven xogadora murciana, Cristina Gómez, por 3-0 (11-8, 12-10 e 11-9). Na semifinal, a xogadora galega sufriu para vencer a Marina de Juan, xa que tivo que disputar o quinto set, para lograr o pase á final. Deste xeito, os dous títulos volver a vir para Galicia unha edición máis.