- Tematica
A programación do Ames Cultural regresa este venres 6 de marzo coa obra Sen Lingua, ás 20.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha representación que busca reflectir a dura realidade á que se enfrontan día tras día miles de mulleres maltratadas polas súas parellas. A obra está protagonizada e dirixida por Noelia Papín, e producida pola compañía Serea Teatro, localizada no Milladoiro. A súa representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira Electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.
O mes de marzo chega con nova programación do Ames Cultural. O vindeiro venres 6, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, será a quenda de Sen Lingua, unha produción da compañía amesá Serea Teatro e que está dirixida e protagonizada por Noelia Papín. A obra representarase o mesmo día que Berenguela na gaiola, aínda que esta será ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Sinopse da obra
Na expectante sala dunha coach emocional, o matrimonio de Amador e Amanda enfronta un desequilibrio doloroso. Amador, o brillante financieiro, emite unha aura de urxencia e afunde a súa muller nun mar de silencio. Amanda, unha avogada laboralista eclipsada, loita por atopar a voz ante o monopolio verbal de Amador.
Cada palabra pronunciada por el achica a presenza de Amanda e faina sentir invisíbel, coma se o seu ser se disolvese nas sombras. Máis e máis, Amador medra na sala; érguese como un coloso que todo o absorbe e devora os intentos de Amanda por expresarse. O matrimonio transfórmase nunha danza desigual, onde Amador domina e esmaga sen piedade a Amanda. Coma un monstro de dúas linguas avanza impávido, cego ao sufrimento dela, que agarda por ser escoitada, por ser recoñecida, por recuperar a voz que un día alguén lle roubou.
Entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura do Milladoiro, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.
Máis teatro en marzo
Logo de Sen Lingua e Berenguela na gaiola, o Ames Cultural ten outras dúas sesións preparadas para o mes de marzo: o día 13, ás 20.30, na Casa da Cultura de Bertamiráns será a quenda de Riazor Ostia; despois, o día 27, ás 18.00 horas, na Casa do Milladoiro, regresa o teatro infantil con O libro da selva: o musical.
Novas relacionadas
Amsgo!: "Serea Teatro presenta no Milladoiro Sen Lingua, o próximo 6 de marzo"





