Pestanas principais

O Ames Cultural pecha o mes de marzo con “O libro da selva: o musical”

Martes, 24 de marzo de 2026

A programación do Ames Cultural continúa este venres, 27 de marzo, co musical infantil “O libro da selva: o musical”, na Casa da Cultura do Milladoiro, e o cal tamén se enmarca dentro do programa Apego para conmemorar o Día Mundial do Teatro. Esta representación teatral de Ártika Cía forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

Este venres, 27 de marzo, volve o Ames Cultural coa representación de “O libro da selva: o musical”, unha peza para o público infantil que tamén forma parte do programa Apego e que conmemorará o Día Mundial do Teatro. A representación, dunha duración aproximada de 50 minutos, será na Casa da Cultura do Milladoiro e dará comezo ás 18.00 horas. 

Esta peza é unha adaptación contemporánea e familiar do clásico de Kipling e conta con música orixinal en galego. A obra lévanos a reflexionar sobre a amizade, a identidade, a convivencia e o respecto cara á natureza, mesmo cando a natureza é de asfalto. A través de Mowgli, unha nena criada entre animais, o mundo urbano convértese nunha nova selva: punkies, rapeiros e heavys substitúen aos lobos, monos e voitres. 

O espectáculo explora valores como a diversidade, a cooperación e a sustentabilidade nunha posta en escena chea de enerxía, humor e emocións. Unha experiencia musical e visual para redescubrir a selva a través dunha viaxe chea de ritmo, humor e aprendizaxes para os cativos e cativas. 

Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 4 euros (a xeral) ou 2 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura do Milladoiro, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, no caso de que non estea completo o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.

O Ames Cultural pecha o mes de marzo con “O libro da selva: o musical”