Pestanas principais

O Ames Cultural pecha abril co espectáculo de circo “Variedades Pistacatro”

Mércores, 22 de abril de 2026

A programación do Ames Cultural continúa este venres, 24 de abril, co espectáculo circense “Variedades Pistacatro”, ás 20.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta representación de Pistacatro Produtora de Soños forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón

O Ames Cultural pecha a súa programación de abril co cabaret circense “Variedades Pistacatro”, un espectáculo que reivindica o circo tradicional e a súa evolución ata o día de hoxe. A función, o vindeiro venres 24 de abril, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, está producida pola compañía galega Pistacatro Produtora de Soños. 

“Variedades Pistacatro” propón unha viaxe pola historia do circo a través dun espectáculo de variedades, nos que os números de circo aéreos, acrobacias, malabares ou equilibrismo non só se representan como unha exhibición de habilidades illada, senón que o fan como parte dunha dramaturxia. Este espectáculo está dirixido a todos os públicos. 

As entradas para esta función, de arredor duns 75 minutos, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames e teñen un prezo de 5€, a xeral, e 2,50€, a reducida. Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego. 

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura do Milladoiro, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, no caso de que non estea completo o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. 

Máis cultura en maio
A programación do primeiro semestre do Ames Cultural chega á súa fin. No mes de maio, o Grupo Chévere traerá á Casa da Cultura de Bertamiráns “Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, os días 8 e 9. Ambos pases serán ás 20.30 horas. Esta será a última función do programa. 

O Ames Cultural pecha abril co espectáculo de circo “Variedades Pistacatro”