Pestanas principais

O alumnado dos IES de Milladoiro e Bertamiráns participan nas charlas Youtubeir@s

Xoves, 28 de marzo de 2019

Os alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES de Bertamiráns participaron esta mañá nunha charla obradoiro sobre vídeocreación, actividade á que tamén asistiu o alumnado do IES do Milladoiro o pasado 18 de marzo e que está promovida polo Servizo de Normalización Lingüística municipal. Impartidos polas comunicadoras audiovisuais Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, a través destes talleres buscase motivar os mozos e as mozas a participar nos premios Youtubeir@s alén de conducilos polo mundo da creación audiovisual. O prazo de inscrición no certame está aberto ata o 27 de setembro.

Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, as dúas metades da produtora Illa Bufarda, impartiron nos IES de Bertamiráns e do Milladoiro unha serie de charlas nas que compartiron cos mozos e mozas varias pautas coas que sacarlle o maior partido expresivo ao medio audiovisual. Así, durante estas formacións explicaron que se necesita para a creación de contido na plataforma Youtube e visionáronse algúns dos vídeos gañadores de anteriores edicións do certame para analizar os seus contidos.

Estes obradoiros, ademais de fomentar o uso da lingua entre a mocidade, pretenden animar a crear contidos en galego para Youtube e a participar no certame Youtubeir@s. Serven tamén para que as mozas, os mozos e o profesorado descubran a mellor maneira de compartir a través da rede as súas ideas, opinións ou habilidades. Así, durante o faladoiro, as relatoras amosaron diferentes maneiras de comunicar unha idea e os pasos a seguir á hora de realizar un vídeo atractivo. Á charla desta mañá asistiron arredor de 130 persoas.

As charlas desenvólvense ao abeiro do Proxecto Youtubeir@s 2019, un proxecto que nace co obxectivo de promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube, a rede social de vídeos máis grande e máis usada do mundo. Consolidar a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e que se xeren referentes en galego de youtuberi@s son os eixes centrais desta iniciativa na que o o Concello de Ames participa por terceiro ano consecutivo. Este ano promoven o proxecto un total de 13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades galegas, a través dos seus servizos ou departamentos de Normalización lingüística.

O proxecto recolle varias liñas de actuación, que van dende campañas de fomento do uso do galego a través de Youtube ata a formación de youtubeiras e youtubeiros e unha ampla actividade nas redes sociais coa finalidade de consolidar a comunidade de youtubeir@s xa existente, ampliar a súa base social, darlle visibilidade ao seu traballo e fomentar o intercambio e o debate. Este ano parte dos esforzos céntranse en cursos, obradoiros e charlas destinados principalmente á comunidade educativa posto que, aínda que Youtubeir@s é un proxecto interxeracional, son as xeracións que naceron como nativas dixitais as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación.

Premios e categorías
Nesta edición amplíanse as categorías que poden optar a premio e incrementa a dotación económica destinada ata os 6.500 euros. Esta cifra total repartirase entre as catro categorías nas do certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos.

A estas catro categorías súmanse outras catro que premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística e unha quinta que corresponderá ao premio do público, chamado #propostayoutubeira. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 27 de setembro e pode participar calquera persoa a partir dos 14 anos.

Inscrición no proxecto
Os e as interesadas en coñecer máis sobre o proxecto Youtubeir@s , sobre os recursos que ofrece ou sobre como participar no certame poden acceder á páxina oficial www.youtubeiras.gal/, na que atoparán o vídeo promocional, información sobre os premios e actividades, e a ligazón na que poderán formalizar a inscrición.

Ligazóns

O alumnado dos IES de Milladoiro e Bertamiráns participan nas charlas Youtubeir@s

Multimedia

  • O alumnado dos IES de Milladoiro e Bertamiráns participan nas charlas Youtubeir@s