[14-06-2016] O alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIP Agro do Muíño e CEIP de Barouta participou esta mañá nun encontro intercentros no Pazo da Peregrina. Ambos centros presentaron o proxecto “Riamonte, un lugar para coñecer”, que elaboraron en colaboración coa Aula da Natureza. Neste acto estiveron presentes o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, representantes do equipo Voz Natura e Don Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames, que ofreceu unha breve charla.
Case 200 persoas chegaron ao Pazo da Peregrina, entre alumnos e alumnas, mestres e mestras e os directores do CEIP Agro do Muíño e do de Barouta. A técnico municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, foi a encargada de dar a benvida a todas as persoas coas que levaba un ano colaborando. A continuación deulles voz a Nazareth Díaz, coordinadora de Voz Natura e a Alejandro Díaz, portavoz do Comité Científico.
O programa Voz Natura é un proxecto da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que financia proxectos relacionados como os dos rapaces e rapazas de Ames. De feito o portavoz do Comité Científico desvelou ao público que “Riamonte, un lugar para coñecer” fora “finalista na fase provincial de actividades escolares cos que colabora Voz Natura, e estou seguro de que se continuades traballando en algo así algún día o voso será o proxecto gañador”.
Tralas introducións interviron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradecendo a ambos grupos as tarefas de limpeza levadas a cabo no entorno do rego de Riamonte e a súa contribución ao coidado do medio. O convidado ao encontro, Maximino Viaño, adicoulles aos rapaces e rapazas historias da súa infancia en Ames, dos xoguetes que se construían na súa época. Ademais relatoulles curiosidades sobre a historia do monte de San Marcos, por onde pasa a ruta de Riamonte, e das súas costumes.
O público coñece ben a contorna do rego, así como parte da súa historia: o castro que se atopa no monte de San Marcos, o emprego dos muíños, etc. “Todo o alumnado visitou a ruta de Riamonte”, explica Patricia Reboreda, técnico municipal de Medio Ambiente, “tanto o de Barouta como o do Agro do Muíño”. “Os rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º de primaria foron coñecer a fauna e a flora da zona, e os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria traballaron ademais na limpeza de hedras nos muíños e nos troncos das sobreiras centenarias”.
Os Retranqueiros puxeron música ao encontro, que rematou coa entrega dun agasallo ao público: unha lámina con fotografías de rapazas e rapaces de ambos colexios que se tomaron durante as actividades. O concelleiro de Educación e Cultura e a concelleira de Economía e Facenda foron os encargados de entregarllos ao alumnado. Por último, na planta baixa do Pazo da Peregrina ofreceuse unha merenda para o grupo de escolares, que estivo comendo e charlando ata que se deu por finalizado este encontro.




