[09-01-2015] O alumnado do obradoiro municipal Entre Ríos participou onte nunhas xornadas de emprego e fomento do espírito emprendedor que tiveron lugar no centro de formación situado en Aldeanova, na parroquia de Ortoño.
As charlas dividíronse en dous bloques: autoemprego e emprego por conta allea. Na primeira parte, os asistentes escoitaron á responsable de programas do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Beatriz Calderero, que informou sobre as liñas de axudas dispoñibles para autónomos e abordou novos conceptos a ter en conta á hora de autoempregarse. De seguido, dous dos participantes da anterior edición deste programa municipal relataron a súa experiencia como emprendedores despois de fundar a empresa de xardinería Jardineros JM.
Por último, o director da empresa de traballo temporal Randstad, Armando Basilio, salientou as vantaxes de ser empregado por conta allea. Deu a coñecer os sectores laborais emerxentes e facilitou consellos de cara a afrontar unha entrevista de traballo. No obradoiro de emprego Entre Ríos, que se iniciou no mes de setembro e se está a desenvolver de maneira conxunta entre os Concellos de Ames e Brión, participan un total de 22 alumnos. Ao longo de seis meses reciben formación teórica e realizan prácticas profesionais de cara a obter un certificado de profesionalidade de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”. Algunhas das accións que levaron a cabo recentemente inclúen traballos de corrección hidrolóxica nun tramo do río Sar, o acondicionamento de varias rutas de sendeirismo ou a creación de faixas secundarias contra os incendios forestais.
O programa conta con persoal docente, de apoio e directivo do proxecto, así como unha traballadora municipal. A súa realización é posible grazas a unha achega duns 200.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar. Dende o Concello de Ames agardan que con este obradoiro de emprego, que rematará a finais de febreiro, os participantes melloren as súas posibilidades de inserción laboral.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Formación en Ames para animar al autoempleo e inserción laboral"




