Pestanas principais

O alumnado do obradoiro de emprego “Renova V” executa melloras de eficiencia enerxética en edificios e instalacións de Ames e Brión

Venres, 29 de setembro de 2023

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables “Renova V” no que participaron durante 12 meses, 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica e Emprendemento de Ames, Ana Belén Paz, e pola directora do obradoiro, María Carmen González. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Nesta edición incrementouse de 9 a 12 meses a formación que recibiron os alumnos/as traballadores/as sobre o certificado de profesionalidade oficial de “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas” e do módulo de "Montaxe de sistemas domóticos e inmóticos".

O vindeiro luns, 2 de outubro, remata a quinta edición do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables, que desenvolveron os Concellos de Ames e Brión de forma conxunta dende o pasado 3 de outubro de 2022. Deste xeito, realizouse hoxe o acto de entrega de diplomas ao alumnado participante en dito obradoiro.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro estivo sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

A través do “Renova V” formouse durante 12 meses a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do Concello de Ames e cinco alumnos do Concello de Brión. Durante un ano os participantes recibiron formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas”, de 420 horas de duración. Tamén se impartiu o módulo de "Montaxe de sistemas domóticos e inmóticos", de 210 horas de duración, que forma parte do certificado de profesionalidade de "Montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos".

Ademais, formaron parte do plano formativo deste obradoiro outros módulos complementarios: alfabetización dixital; orientación profesional; sensibilización en igualdade de xénero; etc. Aparte decidiuse complementar o plano formativo aprobado con tres accións formativas máis, para mellorar a cualificación laboral do alumnado e a súa cualificación, que foron un curso de PRL en alturas, un curso  plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP), e curso de montaxe de estruturas tubulares.

Acto de entrega de diplomas
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, felicitou “a ambos concellos por elixir unha formación tan específica como esta debido á gran demanda de profesionais neste sector. Quero agradecer tamén aos Concellos o apoio que realizan para que se leven a cabo este tipo de programas pois, aínda que a Xunta realiza unha gran inversión, son os Concellos os que día a día resolven os problemas ou incidencias que van xurdindo para que estes obradoiros non se deteñan”.

O alcalde de Ames, Blas García, dixo “este acto abre unha nova etapa, unha etapa na que de seguro esta formación vos axudará a conseguir un traballo. Quero poñer en valor a colaboración entre administracións que se produce neste tipo de formacións, tanto por parte dos Concellos de Ames e Brión como coa Xunta de Galicia. Ao que aspiramos todos e todas e a ter un emprego e unha calidade de vida e grazas a estes cursos Ames e Brión teñen uns datos de paro reducidos en comparación a Galicia ou ao conxunto de España”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, felicitou ao alumnado porque “acabades de conseguir un certificado de profesionalidade nun sector en constante expansión e no que hai demanda de profesionais ben formados. Moito se leva falado de cuestións como as Comunidades Enerxéticas e dos seus beneficios para o rural. Agora está na vosa man facer realidade eses proxectos e contribuír no posible a baixar a factura enerxética, polo ben do noso medio natural e pola saúde dos nosos petos". Así mesmo, agradeceu a colaboración tanto da Xunta como do Concello de Ames pois "somos un exemplo do que se pode conseguir cando a colaboración entre as Administracións é real e leal, máis aló de siglas políticas”.

Instalación fotovoltaica na ETAP de Lens
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizou traballos de interese municipal en ambos os concellos. A case totalidade das actuacións aprobadas para os dous concellos implicaron actuacións dos dous certificados de profesionalidade. Unha das actuacións máis importantes realizadas en Ames foi a montaxe de 136 módulos solares fotovoltaicos e a súa domotización na ETAP de Lens, que presta servizo aos dous concellos.

Esta mesma semana realizouse unha visita á ETAP de Lens, para ver a instalación fotovoltaica executada nesta planta. Na visita participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz; e Carlos Noya e Jose Antonio Vidal, segundo e terceiro tenentes de Alcaldía do Concello de Brión.

Dita actuación tivo un orzamento de 77.005,02 euros (IVE incluído) dos cales 56.100 euros sufragáronse a través dunha axuda concedida polo INEGA. Esta axuda enmárcase dentro dos programas de incentivos 4 e 5 do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, ao amparo do instrumento temporal NextGeneration EU, para o desenvolvemento de enerxías renovables, concretamente o autoconsumo e o almacenamento eléctrico no sector residencial, as administracións públicas e o terceiro sector.

Novas instalacións de fotovoltaicas e domóticas
Ademais en Ames executouse o mantemento da instalación solar fotovoltaica e maila súa domotización na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Aldea Nova. A domotización significa para esta actuación e mailas restantes a monitorización e a xestión da produción e dos consumos das instalacións.

Tamén se realizaron actuacións no pavillón polideportivo de Bertamiráns (mantemento da instalación solar fotovoltaica); campo de fútbol de Bertamiráns (domotización da instalación solar fotovoltaica);  planta EDAR do Milladoiro (mantemento da instalación solar fotovoltaica e a súa domotización); Casa da Cultura do Milladoiro (mantemento da instalación solar fotovoltaica e a súa domotización); campo de fútbol do Milladoiro (mantemento da instalación solar fotovoltaica e a súa domotización; e planta EDAR da Ameixenda (mantemento da instalación solar fotovoltaica e a súa domotización).

No concello de Brión a intervención máis importante realizada executouse na biblioteca municipal, onde se montaron de 20 módulos solares fotovoltaicos sobre unha pérgola e se realizou a instalación dun punto de recarga e a súa domotización. Tamén se actuou na  escola infantil (mantemento da instalación solar fotovoltaica e a súa domotización); no pavillón polideportivo (mantemento da instalación solar fotovoltaica, instalación de punto de recarga e domotización); no centro social polivalente (mantemento da instalación solar fotovoltaica e domotización); e no espazo colaborativo Transformando (mantemento da instalación solar fotovoltaica e domotización).

Novas relacionadas:

Ames Go: "O alumnado do obradoiro de emprego leva a cabo melloras de eficiencia enerxética en Ames e Brión"

Imaxe do acto de entrega dos diplomas

Multimedia

  • Imaxe do acto de entrega dos diplomas
  • Imaxe do acto de entrega dos diplomas
  • Imaxe do acto de entrega dos diplomas
  • Imaxe do acto de entrega dos diplomas
  • Imaxe do acto de entrega dos diplomas
  • Imaxe da visita á ETAP de Lens
  • Imaxe da visita á ETAP de Lens
  • Imaxe da visita á ETAP de Lens
  • Imaxe da visita á ETAP de Lens
  • Domotización
  • ETAP de Lens
  • ETAP de Lens
  • Pérgola da biblioteca de Brión
  • Pérgola da biblioteca de Brión