[12-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá ao alumnado que participa no obradoiro de emprego Entre Ríos, que os concellos de Ames e Brión están desenvolvendo dende o pasado mes de setembro. Nesta visita tamén participaron o concelleiro de Promoción Económica e Traballo, Bernardo Moar, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e o primeiro tenente de alcalde do Concello de Brión, José Pedro Cambón.
Esta iniciativa permite a formación e o desenvolvemento en actividades auxiliares en conservación e mellora do monte de 22 alumnos/as dos concello de Ames e Brión. O obradoiro de emprego Entre Ríos está formado por 27 persoas contratadas para este proxecto, delas 22 son alumnos/as traballadores e 5 son persoal docente, de apoio e directivo do proxecto, así como unha traballadora do Concello de Ames, asignada parcialmente a este proxecto. Para a posta en marcha deste proxecto, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello de Ames unha subvención de preto de 200.000 euros.
Durante a visita as autoridades municipais e da Xunta de Galicia puideron ver de primeira man os traballos que está desenvolvendo o alumnado do obradoiro Entre Ríos nun tramo do río Sar, que está próximo ao lugar de Outeiro de Rial pertencente ao concello de Brión. Os alumnos/as deste obradoiro están limpando a canle do río e realizando os correspondentes traballos de preparación para executar unha actuación de corrección hidrolóxica que se levará a cabo a vindeira semana no río Sar.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “dentro dos proxectos aprobados para este obradoiro, nos que o alumnado/traballador desenvolve prácticas profesionais, atópase a preservación dos ecosistemas do río Sar”. Nestas actuacións abórdanse actuacións experimentais dirixidas á mellora das condicións de estabilidade das ribeiras a través da construción de estruturas de bioenxeñería (faxinas, enramado vivo...) para a contención de taludes. Previamente procedeuse ao desbroce do terreo e á limpeza do leito do río. Cómpre salientar a dificultade desta actuación tendo en conta a altura da canle do río Sar nesta época do ano.
Santiago Amor engadiu que “estes mesmos traballos de corrección hidrolóxica xa se realizaron hai unhas semanas noutro tramo do río Sar ao seu paso polo concello de Ames. Este tipo de actuacións axudan a evitar a erosión do río e a conservación da súa canle orixinal”. Durante a visita as autoridades municipais e da Xunta de Galicia puideron falar cos alumnos e co persoal docente deste obradoiro, para coñecer máis polo miúdo os traballos que están realizando no río Sar. Incluso o alcalde de Ames e a delegada territorial da Xunta na Coruña puideron ver un par de anguilas, que atoparon os traballadores deste obradoiro entre a madeira de varias árbores e que foron devoltas ao río.
Durante esta semana parte do alumnado estivo traballando na tala de madeira no lugar de Mercuto (Ames) para obter estacas e faxinas que empregarán na actuación hidrolóxica que realizarán a vindeira semana no río Sar. Outra parte do alumnado estivo acondicionando a ruta de sendeirismo do Casto Lupario e do río Sar, situada no termo municipal de Brión.
Formación teórica e práctica
En conxunto, ao longo dos seis meses de duración do obradoiro, traballarase na preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar (acondicionamento e sinalización de camiños); acondicionamento e sinalización da ruta de Piñeiro; acondicionamento de Riamonte (pozo e pistas); actuacións silvícolas nos lugares de Mercuto e Lapido (Ames) e de Saíme e Salaño (Brión); creación de faixas secundarias contra os incendios en Mercuto; acondicionamento de varias rutas de sendeirismo de Ames (ruta do río Sar) e do concello de Brión.
A formación está dividida en dúas partes (teórica e práctica) nas que se completarán un total de 960 horas. No apartado teórico, o alumnado estase especializando en actividades auxiliares en conservación e mellora do monte. Para elo están asistindo a varios módulos teóricos de informática, sensibilidade ambiental, orientación laboral, prevención de riscos laborais e educación compensatoria. A través deste programa preténdese que os participantes obteñan un certificado de profesionalidade de nivel 1.
O concelleiro de Traballo, Bernardo Moar, explicou que “o obradoiro de emprego Entre Ríos ten como obxectivo que ao seu remate, os participantes melloren as súas posibilidades de inserción por conta allea ou propia coa consecución dunha cualificación profesional nunha ocupación que capacita para traballar, a través da obtención do certificado de profesionalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”.




Contido relacionado

El Correo Gallego: "Espaldarazo amiense al obradoiro de emprego que recuperará el Sar"




