- Tematica
Na procura de celebrar e preservar a rica tradición do Entroido galego, e co gallo de celebrar o día mundial da radio, o alumnado do Equipo de Dinamización Lingüística do IES do Milladoiro organizou este pasado venres, 9 de febreiro, un proxecto audiovisual cheo de paixón: un programa de radio en directo a través do que se mergullou ás persoas oíntes nunha viaxe cultural polas catro provincias galegas. O programa realizouse no salón de usos múltiples do instituto e tivo unha duración de 100 minutos. A volta das vacacións de Entroido o podcast estará dispoñible na canle da radio do IES.
Esta iniciativa realizárona en colaboración co alumnado de Artes Escénica, o colectivo Euterpe e o Coro das Emoción. Tamén estiveron acompañados do profesorado do Equipo de Dinamización Lingüística e do persoal da ANPA. Este proxecto busca poñer en valor a diversidade e a vitalidade da nosa cultura popular a través de entrevistas, actuacións en directo e demostracións teóricas de gastronomía.
Viaxe cultural e emocional
O programa contou con entrevistas a membros do alumnado, profesorado, ás súas familias e convidados/as que compartiron en primeira persoa as súas vivencias e recordos relacionados co Entroido. Abordáronse dende tradicións locais ata momentos significativos, a través dos cales se mergullou ás persoas oíntes nunha emotiva viaxe polo saber do pobo.
Explorando a cociña interxeracional
Unha das xoias deste proxecto foi a participación dunha avoa, Hortensia, que compartiu os seus coñecementos e segredos sobre a elaboración de pratos típico destas datas. Dende a maxia das filloas ata a crocante textura das orellas, os oíntes aprenderon a preparar auténticos manxares entroideiros.
Actuacións en directo
O podcast tamén contou con actuacións de música en directo, incluíndo a agardada estrea do Coro das Emocións, as satíricas coplas de entroido de Euterpe e algún que outro baile. Ademais, celebrouse un certame cultural que puxo a proba os coñecementos dos/as oíntes sobre o Entroido galego.
Un país cheo de entroido
Este proxecto, que foi titulado “Un país cheo de entroido” é unha iniciativa que busca captar a esencia e a vitalidade desta festa tan propia. A colaboración entre o alumnado, o Equipo de Dinamización Lingüística do centro e a ANPA demostra o compromiso da comunidade educativa coa preservación e maila difusión da cultura galega.
O programa realizouse este pasado venres, 9 de febreiro, ás 9.00 horas, no salón de usos múltiples do instituto e tivo unha duración de 100 minutos. A volta das vacacións de Entroido o podcast estará dispoñible na canle da radio do IES.
Novas relacionadas:
Ames Go: "O IES do Milladoiro pon en valor o Entroido galego cun programa de radio en directo"
La Voz de Galicia: "El IES de O Milladoiro ensalza el entroido en un programa de radio en directo"