[19-02-2016] Un grupo de alumnos e alumnas do IES de Milladoiro despediu trala tarde de onte o obradoiro de TV para a formación en valores, impartido neste centro grazas á colaboración entre a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a asociación Agareso Reporteiros Galegos Solidarios. Esta actividade, enmarcada na proxecto da ACPP "Escolas sen racismo", que conta co apoio da Xunta de Galicia.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Luísa Feijóo enviou os seus parabéns "tanto ao IES como a Asemblea de Cooperación pola Paz e a AGARESO por esta magnífica iniciativa" e por promover "a educación en valores". A concelleira engadiu que "fomentar a participación social, a tolerancia, a solidaridade e la interculturalidade fará que a nosos mozos e mozas adopten unha posición máis activa na defensa dos Dereitos Humanos."
O obradoiro desenvolveuse ao longo de seis semanas. Os once alumnos e alumnas comezaron analizando os medios de comunicación que elas e eles consumen habitualmente, determinando o seu papel na sociedade e aprendendo un pouco máis de como se producir información e construír relatos en radio, prensa ou televisión. Algúns dos vídeos feitos durante o curso pódense ver na páxina web de AGARESO.
A análise de noticias foi tamén un dos temas tratados durante o obradoiro. O acoso escolar foi centro de debate entre rapaces e rapazas, do tratamento que a este problema lle dan os medios e de como se podería mellorar. As aulas levaron a teoría sempre a un terreo práctico. Todo o aprendido sobre a linguaxe televisiva, os tipos de planos, o uso da voz en off, a fala na pequena pantalla ou o emprego dos rótulos serviron aos rapaces e rapazas para a montaxe e construción dos seus propios traballos.
A cooperación social e a solidariedade vertebraron todas as sesións nas que a televisión serviu como ferramenta e soporte das historias narradas polos alumnos e alumnas. Unha delas tivo como escenario a exposición "Influír no local dende o global", que se pode visitar actualmente na Casa da Cultura de Bertamiráns; outra situouse no punto limpo do concello.
Este obradoiro de TV trata de ensinar a rapaces e rapazas a crear as súas propias noticias e relatos, a conseguir artellalos e difundilos por si mesmos. Foméntase así a súa participación social, o uso dunha mirada crítica, así como a adquirir mellores aptitudes para o traballo en equipo. Grazas a labor das dúas asociacións que os acompañaron ao longo do obradoiro o alumnado adquiriu unhas pautas de uso da linguaxe inclusiva, do tratamento de colectivos en risco de exclusión e de análise crítica do discurso mediático.
Esta actividade non é a única do programa Escolas sen Racismo que está a acoller o IES do Milladoiro. A exposición "Mira Ti" traballa contra os prexuízos e a discriminación, no teatrofórum preséntanse conflictos cotiáns cuxa solución ten que ser representada por alumnos e alumnas, buscando fomentar a empatía e a autoestima. Este ano introducíronse ademais novos obradoiros relacionados coa temática da igualdade de xénero, como a iniciativa "De profesión cidadás e cidadáns" ou o obradoiro de prevención da violencia de xénero.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Formación en valores para alumnos de O Milladoiro usando mass media"




