Pestanas principais

O alumnado do IES de Ames representa o próximo xoves no Auditorio de Galicia o seu último musical “Viaxe no tempo”

Venres, 05 de abril de 2013

[05-04-2013] Despois do éxito acadado en Bertamiráns o alumnado do IES de Ames representará o vindeiro xoves, 11 de abril, no Auditorio de Galicia o seu último musical “Viaxe no tempo”. Este espectáculo inclúe teatro, música, danza, malabarismos, acrobacias e aspectos técnicos como escenografía, iluminación e son, vestiario e maquillaxe. Na representación do espectáculo participan directamente un total de 94 alumnos/as. Ademais, na realización da escenografía interviñeron arredor de 140 rapaces e outros 20 encárganse do vestiario, as luces, o son, as proxeccións de vídeo e a tramoia. Realizaranse dúas sesións. A primeira será ás 11:30 h e consistirá nun concerto didáctico para institutos. A sesión da tarde comezará ás 19:00 horas. Neste caso a entrada é libre e a recollida de entradas poderá facerse no Auditorio antes da función. As entradas poden solicitarse ao Auditorio de Galicia chamando ao número de teléfono 981 552 290.

Premio no Certame de Xoves Investigadores
A asesoría xurídica e o informe sobre os dereitos de autor foi realizada por alumnas de 1º de bacharelato dirixidas polo departamento de filosofía. Ademais, cómpre destacar que un traballo do departamento de filosofía sobre os dereitos de autor deste musical, titulado “El éxito es de todos” obtivo o 3º premio nacional no apartado de ciencias sociais no Certame de Xoves Investigadores que organiza o INJUVE e no que participan institutos de toda España. Paralelamente realizáronse unha serie de traballos expostos nunha liña de tempo coa coordinación do departamento de historia e a participación de todos os departamentos implicados no guión. Por último, na posta en escena participan seis profesores de distintos departamentos.

Tras a exitosa experiencia dos últimos anos, elaborando dous musicais: Como a auga e Folía en Semasei. Este ano o alumnado do IES de Ames presenta un novo proxecto, cuxo tema central é o dunha viaxe histórica no tempo. Este espectáculo é un dous grandes proxectos anuais do centro, pola cantidade de xente e departamentos que participan, polo alto nivel conseguido cada ano e polas dimensións que acada, tanto sociais, como educativas no máis amplo sentido da palabra. Neste proxecto colaboran o Concello de Ames, Auditorio de Galicia, La Caixa, Centro Dramático Galego e a Deputación da Coruña.

Viaxe no tempo é unha experiencia educativa bianual, que consiste na realización dunha obra escénica orixinal que integra teatro, música, danza, malabarismos, acrobacias, cun fío argumental que supón un percorrido histórico dende un futuro inmediato ao bordo do colapso, ata unha serie de figuras relevantes na historia da humanidade. A participación de case todos os departamentos do instituto no proxecto xustifica a consideración deste musical como un modelo de transversalidade e colaboración entre departamentos cun obxectivo común.

Máis de 250 alumnos/as organizaron o musical
Na representación deste espectáculo participan directamente un total de 94 alumnos/as (músicos, actores, malabaristas, acróbatas, bailaríns), mentres que na realización da escenografía colaboraron arredor de 140 alumnos/as de Educación Plástica e Visual de primeiro e cuarto da ESO. Ademais, un grupo de 20 alumnos/as encárganse do vestiario, as luces, o son, as proxeccións de vídeo e a tramoia. Deste xeito, participaron na organización deste musical máis de 250 alumnos/as do IES de Ames. Tamén hai que destacar a implicación de profesores de distintos departamentos (filosofía, literatura, inglés, grego, bioloxía, educación física...) e dun alumno de 2º de Bacharelato que achegaron guións para as distintas escenas.

No musical interprétanse un total de 11 temas instrumentais. Todas as intervencións musicais están interpretadas en directo por unha banda do instituto amiense. A banda está formada por un piano, teclado, xilófono, violoncello, dúas guitarras, baixo, saxo, trompeta, acordeón percusión e batería. Ademais, interpretaranse sete cancións, que serán cantadas en directo sobre o escenario. Por outra banda a obra integra coreografías de diversos estilos: rock, danza do ventre, danza contemporánea, danzas étnicas, danzas populares, etc. Nas coreografías participan un total de 50 alumnos/as.

En canto á iluminación o musical conta con un total de 24 focos e un canón de seguimento que alcanzan unha potencia de 21.000 watios, movidos por dous dimers. Para as proxeccións sobre a escena cóntase cun canón de proxección de imaxes e vídeos. O equipo material de amplificación conta con dúas mesas de mesturas, tres micrófonos de escena e a amplificación para o grupo musical. O equipo de luz e son está formado por catro alumnos/as.

Parte do vestiario conseguiuse grazas a un préstamo do Centro Dramático Galego. A outra parte confeccionouno un equipo formado pola ANPA do instituto e catro alumnas do centro de ensino. Da maquillaxe encárganse as alumnas de perruquería e estética do IES Lamas de Abade, especialmente aquelas que participan no programa Leonardo da Vinci co Institute Saint Famille en Virton (Bélxica).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alumnado do IES de Ames representa o xoves o seu último musical Viaxe no tempo"
La Voz de Galicia: "Viaje en el tiempo para salvar el mundo"