Pestanas principais

O alumnado do curso de viticultura visitou dúas adegas da comarca do Ribeiro

Xoves, 30 de xuño de 2011

[30-06-2011] Os 25 alumnos do oitavo curso de viticultura, organizado pola oficina do Voluntariado de Ames (OVA), tiveron a oportunidade de visitar as adegas de "Pazo Casanova" e "Vicente Giráldez", situadas na comarca do Ribeiro. O alumnado recibiu unha explicación sobre a produción vinícola en cada unha das adegas e puideron visitar as plantacións de viñedo. Ademais, cataron os viños que se producen nesta comarca. Con esta excursión finalizou o curso de viticultura que se impartiu na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro dende o pasado mes de outubro. O encargado de impartir o seminario foi, como nas anteriores edicións, Manuel Oitavén Garrido, que este ano contou coa axuda dalgúns dos seus alumnos máis avantaxados de cursos anteriores.

A excursión organizouse como complemento á formación teórica e práctica recibida no curso de viticultura. Deste xeito, os alumnos puideron contemplar nestas dúas adegas da zona do Ribeiro tanto as extensas plantacións como o proceso de elaboración do viño. A primeira visita realizouse na adega "Pazo Casanova", que está situada no Concello de Ribadavia. Esta adega dispón de dez hectáreas de viñedo protexido polas murallas do pazo Casanova, que data do século XVIII.

Os viños de Pazo Casanova dispoñen da denominación de orixe Ribeiro pola súa calidade e compromiso co medio ambiente. Esta adega obtivo a certificación de produción integrada de viñedo en Galicia, o que evidencia o coidado e a a protección sobre o medio ambiente, unha forte aposta pola calidade na produción e sobre a seguridade alimentaria.

Nos seus viñedos prodúcense as variedades Treixadura, Albariño, Godello e Loureira que constitúen a esencia dos viños desta adega. O método tradicional e a elaboración rigorosa con uva 100% propia combínase coas novas tecnoloxías e a produción integrada, empregando técnicas naturais que respectan ao máximo o viñedo, o medio natural e a saúde do consumidor. Pazo Casanova promove, ademais da mellora dos seus sistemas de produción, distintos proxectos de investigación, coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, que contribúen ao desenvolvemento e evolución dos viños da zona.


Xa pola tarde visitaron a adega "Vicente Giráldez". Trátase dunha adega máis pequena e familiar que se atopa no concello de Cenlles, que tamén pertence á comarca do Ribeiro. Neste lugar, ademais de visitar a adega, tamén puideron ver a plantación de viñedo e catar os viños que se producen neste lugar.

A visita a estas dúas adegas ven da man da finalización deste curso que, coma nas anteriores edicións, o impartiu Manuel Oitavén de forma desinteresada. Este amiense de 82 anos, aborda durante o curso cuestións de interese para moitos dos que traballan ou viven no rural do concello ou que teñen unha leira na que coidar e cultivar árbores e plantas. Oitavén proporciona ó alumnado diferentes métodos para combater as pragas, consellos sobre a realización da poda, a como plantar a cepa, coidala e facela medrar correctamente, previndo enfermidades. Tamén aprenderon a como facer o viño e, o último luns de cada mes, tiña lugar a parte máis agradable do curso, a cata de viño.