Pestanas principais

O alumnado do CEP de Ventín visitou a Casa do Concello para coñecer o seu funcionamento

Venres, 03 de marzo de 2023

Os alumnos e alumnas do segundo curso de Educación Primaria do CEP de Ventín achegáronse esta mañá ata a Casa do Concello, en Bertamiráns, para coñecer o seu funcionamento, tras acudir á representación de teatro da obra “Ninja”, na Casa da Cultura da localidade. Durante a súa visita, os rapaces e rapazas descubriron as funcións e o traballo dos distintos concelleiros, como transcorren os plenos ou as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, tiveron a oportunidade de trasladar as súas preguntas, inquedanzas, suxestións e peticións aos membros do goberno que os acompañaron durante a súa visita.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a visita duns 100 alumnos de segundo de Primaria do CEP de Ventín. En dúas quendas, os nenos e nenas puideron coñecer de man de varios membros do Goberno local cuestións como o funcionamento dos plenos, cales son os grupos políticos con representación na Corporación municipal ou a distribución dos concelleiros e concelleiras durante as sesións plenarias.

Unha vez rematada a explicación, o alumnado tivo a oportunidade de realizar preguntas e presentar as súas dúbidas e peticións. Entre os temas sobre os que os cativos e cativas se interesaron atopáronse cuestións como melloras no seu colexio, a creación de espazos verdes e de recreación ou o nacemento de Ames como concello. Ademais, explicáronlles ao membros da Corporación municipal en que consiste o Modo galego, actívao!, unha experiencia de inmersión lingüística que desenvolverán durante 21 días.

Así, os encargados de ofrecer respostas ás cuestións xurdidas foron o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens; a concelleira de Cultura, Natividade González; así como Oliva Agra e Pablo Beiroa, do grupo municipal popular; Quique Costas, voceiro de Ames Novo; e José Ramón Oulego, voceiro de Ciudadanos.

Ao finalizar, fíxoselle entrega tanto ao alumnado como ao profesorado duns agasallos para recordar a súa visita á Casa do Concello. Estas excursións buscan complementar a formación recibida nas aulas, onde se imparten temas como o funcionamento das entidades locais e o sistema de elección dos gobernos, así como o padrón e o censo municipal.

Visita dos nenos e nenas do CEP de Ventín á Casa do Concello

Multimedia

  • O alumnado do CEP de Ventín visitou a Casa do Concello para coñecer o seu funcionamento