[20-03-2013] Hoxe pola mañá comezaron os obradoiros de igualdade que está desenvolvendo o Concello de Ames, a través da concellaría Benestar Social, nos centros de ensino amienses. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria. Neste programa educativo participa o alumnado dos Centros de Educación Infantil e Primaria A Maía, Agro do Muíño e Barouta. Os alumnos/as de 5º de primaria do CEIP A Maía foron os primeiros en participar nestes obradoiros, mentres que mañá será a quenda do alumnado de 6º de primaria deste mesmo centro de ensino. Estas actividades enmárcanse dentro das III Xornadas de Violencia de Xénero do Concello de Ames.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, puxo en marcha un programa de obradoiros de igualdade dirixidos aos alumnos/as de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros de ensino amienses. A través deste programa, preténdese formar criticamente ao alumnado dos centros de ensino amienses para desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas.
Nesta ocasión os colexios participantes son o CEIP A Maía, con obradoiros os días 20 de marzo para 5º de primaria e o 21 de marzo cos nenos e nenas de 6º de primaria; o CEIP Agro do Muíño, que participará coa realización dunha xincana da igualdade o día 2 de abril; e o CEIP de Barouta no que se desenvolverán os obradoiros cos nenos e nenas de 6º de primaria os días 8 e 16 de abril.
Para realizar os obradoiros de coeducación empréganse fichas didácticas, contos e materiais audiovisuais para o desenvolvemento das sesións. Os nenos/as poden ver anuncios de publicidade e curtas audiovisuais para tratar o tema da igualdade. A través destas actividades trátase de reflexionar sobre os estereotipos de xénero que hai establecidos na sociedade.
Corresponsabilidade nas tarefas do fogar
Por outra banda, na xincana que se realizará no CEIP Agro do Muíño o alumnado deste centro traballará o concepto de corresponsabilidade nas tarefas do fogar. Deste xeito, os nenos e nenas desenvolverán determinados traballos que socialmente están relacionados coas mulleres e homes.
Ademais, como novidade este ano realizouse unha charla dirixidas ás ANPAS dos centros educativos do Concello titulada Como educar en igualdade?. Promover a igualdade e previr a violencia de xénero, que se celebrou o xoves pasado, 14 de marzo, no Pazo da Peregrina. A través desta charla pretendeuse reflexionar e afondar sobre como debemos educar aos nosos fillos/as de xeito que non perpetuemos as desigualdades de xénero que se manteñen na sociedade.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Alumnos de los centros amienses se implican en los talleres de igualdad"




