Pestanas principais

O alumnado do CEIP A Maía marca unha liña na estrada AC-544 para ampliar as beirarrúas que discorren dende o pavillón ata a entrada do IES de Ames

Martes, 21 de xuño de 2016

[21-06-2016] Esta mañá un grupo de alumnos de cuarto de primaria do CEIP A Maía participou xunto co concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, nunha actividade do programa “Pés na rúa”, que se enmarca dentro do Plan Proxecta, no que colaboran o Concello de Ames, o CEIP A Maía e maila Xunta de Galicia. Os rapaces e rapazas marcaron unha liña simbólica na estrada AC-544, para ampliar a beirarrúa que discorre dende o pavillón polideportivo de Bertamiráns ata o IES Plurilingüe de Ames. Esta actuación terá un custo aproximado de 50.000 euros. Ademais, a Xunta de Galicia mellorará o firme dun treito de 1.100 metros desta estrada que une Bertamiráns e Negreira.

O goberno municipal ten o obxectivo de ampliar a beirarrúa que discorre entre o pavillón polideportivo de Bertamiráns e maila entrada do IES Plurilingüe de Ames. Segundo indica o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, “o noso obxectivo é primar a seguridade do alumnado e despois reorganizar a dársena de autobuses do transporte escolar. Con esta finalidade preténdese ampliar a beirarrúa da devandita dársena de autobuses”.

Para ampliar a beirarrúa preténdese reducir a mediana que está pintada no medio da AC-544, e deste xeito, gañar espazo para poder darlle maior amplitude a devandita beirarrúa. Para iso hai que facer un repintado de toda a dársena e da AC-544. Isto xa estará incluído dentro do plan que presentou no mes de febreiro en Bertamiráns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para mellorar o firme dun tramo de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira.

Cómpre lembrar que estes traballos de ampliación da beirarrúa contan con visto bo dos técnicos da Consellería de Infraestruturas, que asistiron no mes de febreiro a segunda proba para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames.

Programa Pés na rúa
O alumnado do CEIP A Maía está participando no programa Pés na rúa, que se enmarca dentro do Plan Proxecta (proxecto de educación en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible), no que colaboran o Concello de Ames, o CEIP A Maía e maila Xunta de Galicia. Dentro desta iniciativa, esta mañá, os rapaces e rapazas marcaron de xeito simbólico unha liña na estrada AC-544, para ampliar a beirarrúa que discorre dende o pavillón polideportivo de Bertamiráns e o IES Plurilingüe de Ames. Foi un acto simbólico para que os nenos e nenas saiban que se vai a tomar esta medida co fin de mellorar a seguridade viaria nesta zona escolar.

Ademais, os rapaces e rapazas deste colexio elaboraron unha maqueta da zona escolar do CEIP da Maía e do IES de Ames, onde se poden apreciar as novas beirarrúas. Toda a información e traballos realizados polo alumnado de cuarto de primaria deste centro de ensino están recollido no sitio web: https://pesnarua.wordpress.com/

Outras medidas a adoptar
Ademais, da ampliación da devandita beirarrúa o goberno municipal vai adoptar outras medidas para a mellora da seguridade viaria nesta zona. Deste xeito, vaise a impedir o aparcamento permanente nunha das beiras da AC-544. O lugar de estacionamento permanente trasladarase á explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns, que está situado a 200 metros destes centros escolares e conectada a través dunha beirarrúa, para que todas as familias poidan aparcar o seus vehículos neste lugar.

Outras medidas que está estudando realizar o goberno municipal é habilitar varias prazas de estacionamento, para persoas con mobilidade reducida, preto do paso de peóns situado diante da entrada do CEIP A Maía. Habilitaranse tamén zonas de parada rápida para os vehículos que só realicen paradas dun máximo de 10 minutos. Ademais, reorganizarase o horario do vehículo de transporte de comida da Rede Municipal de Comedores Escolares, para que non coincida co horario de entrada e saída dos autobuses de transporte escolar.



Contido relacionado


El Correo Gallego:"Escolares do CEIP A Maía marcan as liñas das novas beirarrúas"
La Voz de Galicia:"Los alumnos del colegio A Maía echan una mano en la ampliación de la acera"