Pestanas principais

O alumnado do CEP de Ventín crea unha canción e grava un vídeo para celebrar o día da Paz

Luns, 01 de febreiro de 2021

Unha versión do tema Back for good" de Gary Barlow serviu como base para a creación do tema "Xuntos" co que a rapazada de de 3º e 4º de Primaria do CEP de Ventín celebrou este ano o día da Paz. Na canción inclúense frases emblemáticas de activistas pola paz que tamén se utilizaron para traballar nas aulas. É o terceiro ano que Ventín crea unha canción coincidindo con esta data. Nesta ocasión, para paliar o inconveniente de non poder cantar xuntos decidiron ademais gravar un vídeo.

A creación conxunta dunha canción é o xeito que teñen de celebrar o día da Paz no CEP de Ventín desde hai tres anos. Nesta ocasión, como os pequenos e as pequenas non poden cantar nas aulas nin facer unha celebración conxunta, decidiron gravar un vídeo coa canción: "É un xeito de que se vexan uns aos outros, unha maneira de permanecer unidos nestes momentos de dificultade nos que o protocolo nos obriga a estar en grupos burbulla e separados do resto dos compañeiros e compañeiras" explícanos Pablo Castaño, titor e encargado da dirección musical do vídeo.

A adaptación da letra correu a cargo da profesora titora Mara Barral que incluíu frases emblemáticas de algúns activistas pola paz como Malala Yosafzai, Marthin Luther King, Mahatma Gandhi e Jhon Lennon. "A historia e o pensamento destes persoeiros serviunos tamén para reflexionar e traballar nas aulas a loita pacifista ao longo do tempo", dinos Mara quen tamén engade que "polas limitacións ás que estamos sometidos, este tipo de iniciativas son agora máis necesarias que nunca para os rapaces e as rapazas".

Segundo manifestan os seus profesores, os nenos e nenas que participaron na gravación o fixeron con moita ilusión e con profesionalidade, a pesar de contar con pouco tempo para ensaios e realización: "Estamos moi orgullosos do noso alumnado en todos os aspectos", declaran Barral e Castaño.

Tamén se pode ver na canle de Facebook de Ames Radio

    .

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "No pudieron cantar juntos, pero compusieron igual un tema y grabaron un vídeo por el Día de la Paz"

Dia da Paz en Ventín

Multimedia

  • Murais do día da Paz en Ventín
  • Traballos polo día da Paz en Ventín