O CEIP Agro do Muíño retoma hoxe a Semana da Bicicleta despois de que a actividade, programada para a semana do 6 de maio, tivese que ser suspendida por mor da chuvia. Así, aproveitando as previsións de boa temperatura para estes días, o centro retoma esta iniciativa o martes, mércores e xoves desta semana. Esta mañá ás 9.00h, un total de 39 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria déronse cita na Praza do Concello de Bertamiráns para comezar o percorrido que os levou ao colexio, e que percorrerán dúas veces ao día ao comezo e ao remate das clases. Durante o traxecto, as rapazas e rapaces estarán acompañados de membros da Policía Local e da agrupación de Protección Civil de Ames, así como de varios mestres/as e pais e nais voluntarios.
O pasado 6 de maio arrincou a Semana da Bicicleta para os/as alumnos/as de 5º e 6º do CEIP Agro do Muíño. Sen embargo, por razóns climatolóxicas, a iniciativa tivo que ser aprazada ata hoxe, 21 de maio. Así, despois de varios días de espera, esta mañá as nenas e nenos do centro puideron coller de novo a bicicleta e o casco para retomar esta semana temática, que partiu da Praza do Concello de Bertamiráns ás 9.10h, e durante a que percorreron os 2,2 quilómetros que separan este punto do centro escolar. Tanto esta mañá como nos seguintes percorridos, os/as menores estarán acompañados por membros da Policía Local e da agrupación de Protección Civil de Ames, así como de varios mestres/as e pais e nais voluntarios para evitar calquera tipo de imprevisto. A xornada de hoxe contou coa presenza da directora do CEIP Agro do Muíño, varios pais e nais, e a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo.
Ao igual que durante a primeira xornada, a rapazada seguiu a ruta que transcorre pola rúa Alcalde Lorenzo en dirección ao Agro do Muíño, ata a intersección co camiño que vai cara a depuradora. Unha vez alí, os nenos e nenas xiran á dereita e percorren dito camiño ata realizar a entrada na urbanización do Agro do Muíño pola rúa Ribeira de Maguxe, tralo que circulan pola rúa do Carballo que vai a dar ao portal traseiro do centro escolar. Para a volta, na que se realiza o mesmo percorrido á inversa, hai habilitadas dúas quendas. A primeira delas sae da escola en dirección á Praza do Concello ao remate das clases, ás 14.30h, mentres que a segunda quenda ten lugar ás 16.30h, coincidindo co fin do servizo de comedor.
Durante dous percorridos ao día, as rapazas e rapaces poñen en práctica os coñecementos acadados durante a charla que recibiron da man do inspector da Policía Local de Ames a mañá do 6 de maio.
Unha actividade con múltiples obxectivos
Esta iniciativa foi proposta pola dirección do centro escolar durante a primeira reunión da Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde do Concello de Ames, realizada no pasado mes de febreiro. Con esta actividade, o CEIP Agro do Muíño non só se busca promocionar hábitos de vida saudable, senón tamén mostrarlle ao alumnado, dende un punto de vista práctico, a necesidade de buscar opcións de mobilidade sostible que repercutan no medio ambiente e conciencialos sobre elo.
Outros dos obxectivos que se pretenden conseguir con esta Semana da Bicicleta son fomentar a autonomía dos nenos e nenas, así como poñer en práctica e asentar os coñecementos adquiridos polo alumnado durante a charla sobre seguridade viaria ofrecida pola Garda Civil no centro. Cabe destacar que esta Semana da Bicicleta conta coa colaboración da Concellaría de Sanidade de Ames, a agrupación de Protección Civil e a Policía Local de Ames.









