[16-03-2016] Os nenos e nenas de 2 a 3 anos da escola infantil municipal O Bosque adicaron a primeira quincena do mes de marzo a descubrir especies e curiosidades do mundo animal. A través de láminas e vídeos coñeceron distintos tipos de animais, o hábitat no que viven e o seu modo de vida. A arte uniuse ás ensinanzas sobre a fauna en forma de debuxos, modelado de figuras ou de creación de murais no que os animais foron os protagonistas. Ademais o alumnado viaxou ata a granxa escola "Le Croupe" e as familias realizaron unha xuntanza na que participaron as súas mascotas.
O pasado xoves, 10 de marzo os nenos e nenas de 2 a 3 anos da EIM O Bosque foron de excursión á granxa ecuestre "La Croupe". Este centro xa colaborara con anterioridade coas escolas infantís amesás, tanto coa do Bosque como coa da Madalena. Nelas os pequenos e pequenas poden experimentar directamente o traballo nunha granxa e ter contacto cos animais.
O alumnado desprazouse ata a granxa ecuestre en autobús na compaña das mestras da escola. Alí o persoal da granxa faloulles das distintas especies que acolle "La Croupe" e do día a día no lugar. Nenos e nenas acariciaron distintos animais da granxa, deron un paseo nos ponis e déronlle de comer á llama. As mestras levaron petiscos para que comesen os pequenos e pequenas despois de xogar polas fincas.
Na segunda actividade da quincena invitouse ás familias do alumnado a participar, especialmente a aquelas que conviven cunha mascota. Cacatúas, peixes, cans, gatos ou hámsteres entraron nas aulas da mans das familias para que os nenos e nenas puidesen velos de preto e xogar cos cans e os gatos.




