[13-04-2016] Esta mañá o alumnado do CEIP Agro do Muíño visitou a Casa do Concello coas súas mestras. Os rapaces e rapazas dos dous cursos de terceiro de primaria deste centro aprenderon, da man do alcalde e dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, o funcionamento dos plenos, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local.
O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, recibiron ao grupo de alumnos/as no salón de Plenos. Á visita uniuse posteriormente a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. Entre os tres axudaron ao rexedor a explicarlles a nenas e nenos o funcionamento dos Plenos municipais. David Santomil explicoulles algunhas das decisións que se tomaron recentemente, como a creación do Consello Escolar. "¿Vós coñecedes ao director do voso centro? É unha das persoas que estará presente neste Consello para axudar a analizar as necesidades das escolas, os colexios ou os institutos", indicoulles Santomil aos alumnos/as.
José Miñones preguntoulle aos rapaces e rapazas polo funcionamento dun Pleno. "¿Sabedes como tomamos aquí as decisións?", e propúxolles un exemplo: "¿Gustaríavos que se construíse unha piscina ao carón do voso colexio? Xa vexo que si. Esa obra sería competencia de Blas, pero teríamos que preguntarlle antes a Gemma se sería posible." Despois do exemplo, o alcalde propúxolles a rapazas e rapaces ir ocupando as cadeiras dos concelleiros e concelleiras. Explicoulles cales ocupaba cada un dos grupos políticos de Ames, e como levantan a man para realizar unha proposta ou pregunta.
Invitados a tomar o sitio do alcalde nenas e nenos someteron ao grupo de compañeiros e compañeiras a varias votacións: a construción dun colexio de xeado, facer máis aulas para dar cabida a máis alumnos e alumnas no CEIP Agro do Muíño ou a construción dunha piscina foron propostas debatidas polos nenos e nenas. Foi o concelleiro de Educación o que atopou a proposta apoiada por practicamente maioría absoluta: levar aos membros da Patrulla Canina de visita ao centro escolar.