Pestanas principais

O alumnado de Ames elixe o menú de fin curso de xeito democrático

Martes, 07 de xuño de 2016

[07-06-2016] Esta semana celébranse no Concello de Ames unhas eleccións moi curiosas. O alumnado amesá adiantouse ás eleccións xerais do próximo 26 de xuño e dispuxo de todo o necesario para celebrar os comicios: urnas, papeletas, listas e, por suposto, electores e electoras. A única diferenza con respecto a unhas eleccións convencionais é que neste caso os candidatos non fixeron campaña nin tampouco deron mitins. A concellaría de Educación dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na Rede Municipal de Comedores Escolares de que elixan o menú de fin de curso.


Os rapaces e rapazas dos centros de ensino amesáns adiántanse a súas familias, que terán que votar o vindeiro 26 de xuño nas eleccións xerais. O alumnado de Ames participa un ano máis na elección do menú de fin de curso que se servirá nos comedores escolares o vindeiro martes 21 de xuño. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú servirase o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

As eleccións desenvólvense hoxe nos comedores do CEIP Agro do Muíño que conta cun censo de 252 rapaces e rapazas, no CEIP A Maía no que participarán 330 alumnos, na EEI do Milladoiro na que 202 nenos e nenas elixirán o seu menú favorito, no CEIP de Barouta no que hai 71 usuarios/as fixos e no CEP de Ventín que ten un censo de 257 electores. En total son 1.112 os rapaces e rapazas que participan nesta eleccións escolares.

Os nenos e nenas terán que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato hai seis posibilidades: albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguete á boloñesa con queixo, churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, pescada rebozada con pasta tricolor e peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate. A listaxe de opcións de sobremesa contén cinco opcións que son iogur de chocolate, xeado de corte de tres sabores, xeado de xeo (polo de amorodo), flan con nata e amorodos con nata.

Cómpre destacar que nos últimos anos os pratos elixidos foron o churrasco con patacas fritas e maila pizza de xamón e queixo. A sobremesa preferida polos rapaces e rapazas nas últimas edicións foi o xeado de xeo (polo de diversos sabores). Haberá que esperar ao escrutinio para despexar estas incógnitas. As urnas volverán a falar durante esta xornada electoral e pronto poderemos coñecer cales son os pratos escollidos este ano polos nenos e nenas de Ames.

A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los alumnos del municipio votan el menú de fin de curso"