[22-06-2011] O curso 2010-2011 chega ao seu fin e os nenos e nenas que empregan a rede municipal de comedores escolares despediron o ano académico xantando churrasco con patacas fritas e xeado. Este menú foi elixido democraticamente o pasado 10 de xuño nunhas eleccións ben curiosas nas que non faltaron as urnas, papeletas, listas e, por suposto, electores e electoras. O departamento de Educación dálles a posibilidade ao alumnado amiense de que elixan o menú de fin de curso. O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado e acudiu ao comedor do CEIP Agro do Muíño para participar nesta comida.

Nesta comida tamén participaron, Pilar Candocia e Olaia Alvite, en representación do grupo municipal nacionalista, o director do CEIP Agro do Muíño, a conserxe do centro de ensino, representantes das empresas de monitoraxe Ágora Aberta e Órbita Infantil e traballadores/as municipais dos servizos complementarios. Foron invitados todos os directores/as e membros das ANPAS dos cinco centros de educación infantil de Ames.
Este menú foi elixido democraticamente o pasado 10 de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se utilizan nos comicios municipais, autonómicos e estatais. Os nenos e nenas elixiron dous pratos: o churrasco con patacas fritas e o xeado, mentres que o Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, neste caso foi a ensalada de queixo e noces.
As eleccións desenvolvéronse o 10 de xuño nos comedores do CEIP Agro do Muíño, que conta cun censo de 194 rapaces e rapazas, no CEIP A Maía no que participaron 304 alumnos e na EEI do Milladoiro na que 187 nenos e nenas elixiron o seu menú favorito. No CEP de Ventín, que ten un censo de 150 electores, as eleccións celebráronse o pasado 9 de xuño. Neste último colexio cómpre dicir que normalmente son arredor de 277 os alumnos que empregan o servizo de comedores, pero debido a que durante o mes de xuño non hai clase polas tardes a metade dos nenos e nenas escolleron xantar nas súas casa.
Ata o de agora a pizza e o xeado foron os claros vencedores nas edicións anteriores. Este ano incluíuse o churrasco con patacas fritas, un dos pratos favoritos dos nenos/as, para crearlle competencia á pizza. Por primeira vez en seis anos este prato foi capaz de gañarlle á pizza. En canto á sobremesa este ano tamén se incluíu o polo de limón ou laranxa por segundo ano consecutivo. Durante o curso os nenos e nenas intolerantes á lactosa comen polo de limón cando se serve xeado de tres sabores, espertando a envexa do resto de alumnado. Como se previa dende o departamento de Educación o polo de limón impúxose ao xeado de tres sabores.


Ensalada de queixo e noces, churrasco con patacas fritas e xeado de polo de laranxa ou limón, foi o menú elixido para despedir o curso 2010-2011 na Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú sérvese o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa. O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amiense e acudiu ata o comedor do CEIP Agro do Muíño para xantar o menú elixido este ano. O rexedor municipal estivo acompañado polo concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro.




