Pestanas principais

O alumnado de 1º da ESO do instituto do Milladoiro visita a Biblioteca municipal do Milladoiro

Xoves, 22 de decembro de 2016

[22-12-2016] Esta semana catro grupos de alumnos/as de 1º da ESO do IES do Milladoiro visitou as instalacións da Biblioteca municipal do Milladoiro. Esta actividade enmárcase dentro dunhas xornadas de formación de usuarios, levadas a cabo polas profesoras Margarita Ponsetti, Tania Saa Rouco e Sofía Ardariz García, encargadas da Biblioteca do instituto. Trátase dunha actividade máis na que o IES do Milladoiro e mailo Concello de Ames colaboran co obxectivo de levar a cabo actividades formativas de proveito para o alumnado.


O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “con este tipo de actividades ponse en valor o servizo municipal de bibliotecas, con visitas escolares, presentacións de libros, e mailas actividades habituais de animación á lectura que se desenvolven todos os meses".

Estas xornadas están encamiñadas a coñecer a Biblioteca municipal, saber como está ordenado o seu fondo e como se utiliza. Os rapaces e rapazas tamén puideron usar a plataforma da Xuta Galicia, usar os ebooks de forma gratuíta, facer buscas, buscar no OPAC os libro que son lecturas obrigatorias no instituto, e saber as películas ou a música que se pode atopar nas bibliotecas de Ames.

Presentación do libro CD “Cousas de Papá”
Por outra banda, este venres, 23 de decembro, ás 17:30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns, preséntase o libro-disco: “Cousas de papá”. Trátase dunha obra que contén dezasete poemas para os lectores e as lectoras máis novas. Cousas de papá, así se titula o libro de Raúl Gómez Pato, que conta con ilustracións de Blanca Barrio e música de Héctor Lorenzo. Este libro xa se pode atopar nas librarías de Ames da man Edicións Xerais.

Das dezasete composicións que conforman o poemario, dez están musicadas por Héctor Lorenzo no CD que acompaña o libro. Ademais contan con colaboracións de Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sergio Tannus, Quim Farinha e Uxía. Ao remate, o propio Héctor Lorenzo cantará varias cancións do libro acompañado da guitarra. Esta presentación enmárcase dentro da programación con Apego do Concello de Ames e das actividades postas en marcha polas bibliotecas municipais.