[23-12-2017] O obradoiro está conformado por catro sesións: dúas impartidas pola formadora especializada en educación emocional, Aixa Permuy, e outras dúas impartidas polas titoras e titores de cada grupo. Dirixido ao alumando de 1º da ESO dos centros de educación secundaria amesáns, o obradoiro busca ser un espazo de reflexión sobre as maneiras nas que as mozas e mozos viven as súas relacións persoais no día a día. O IES de Ames acolleu esta semana a primeira das sesións, que continuarán a desenvolverse ao longo de xaneiro. En febreiro, o obradoiro chegará ao IES do Milladoiro. A actividade está organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) de Ames.
O obradoiro sobre bo trato, que esta semana se estivo a realizar no IES de Ames, busca promover un espazo coeducativo no que o alumnado de 1º da ESO minimice os sesgos sexistas existentes no seu imaxinario. Con este obxectivo, o obradoiro aborda cuestións comúns no día a día das mozas e mozos a través de dinámicas de grupo e debates. Na primeira das sesións, as rapazas e rapaces tiveron que discutir acerca da veracidade ou falsidade dunha batería de afirmacións que recollían varias das crenzas sexistas máis estendidas. “Todas as mulleres conducen mal” ou “ningunha muller pode ser máis forte que un home” foron dúas das enunciacións sobre as que o alumando se tivo que posicionar. A finalidade deste exercicio foi a de deconstruír un imaxinario colectivo repleto de prexuízos.
As seguintes dúas sesións, que conforman o obradoiro, serán realizadas coas titoras e titores de cada grupo a partir de xaneiro. Nelas, o alumando terá que analizar un conto infantil, abordando as actitudes e comportamentos tanto das personaxes principais como das secundarias. Do mesmo xeito, o alumando tamén deberá analizar nestas sesións un filme de Disney atendendo ao rol das personaxes femininas. A letra da canción Blurred Lines, moi afamada e cun contido altamente sexista, tamén será examinada ao longo destas sesións. O propósito destes exercicios é facer tomar conciencia as rapazas e aos rapaces de como os produtos culturais perpetúan estereotipos de xénero nocivos para a igualdade entre homes e mulleres.
Na última das sesións, que volverá ser impartida pola formadora Aixa Romay, o alumnado terá que elaborar unha especie de receita do bo amor, a través dunha serie de afirmacións que axuden as mozas e mozos nas súas relacións persoais. Nesta sesión, tamén se lle mostrará ao alumando referentes culturais alternativos que promovan a igualdade. Da mesma maneira, tamén se realizará o visionado dun vídeo que, en clave de humor, porá de manifesto unha serie de prexuízos sexistas que nada teñen que ver coa realidade.
A formadora deste obradoiro, Aixa Romay, é doutoranda en Educación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde desenvolve un traballo de investigación-acción sobre coeducación das emocións na Educación Secundaria Obrigatoria. Investigadora no Seminario Permanente de Emocionalidade, Xénero e Desenvolvemento Humano do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Aixa Permuy tamén realiza labores de formadora especialista en educación emocional e para a igualdade. Relatora de encontros, xornadas e cursos sobre educación das emocións, a coeducación e a convivencia positiva, Permuy será tamén a encargada de desenvolver o obradoiro no IES do Milladoiro a partir do mes de febreiro. A actividade está organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ames.
"Neste momento no que estamos, no que as enquisas reflicten que un 27, 4% dos nosos mozos e mozas pensan que a violencia machista é 'normal' dentro da parella, no que seguimos transmitindo estereotipos e roles de xénero que non son os axeitados, vimos que era moi necesario o desenvolvemento destes obradoiros, nos que desde o discurso coeducativo se abordan cuestións como a transmisión de arquetipos, actitudes, valores e normas positivas que rexen as nosas vidas e as nosas relacións en base á igualdade”, afirma a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo.




