[01-02-2017] Esta semana celebrouse o Día escolar da non violencia e da paz. Para conmemorar dita efeméride os nenos e nenas das escolas infantís O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, acompañados polas súas mestras estiveron traballando ao longo da última semana do mes para aportar o seu gran de area. O obxectivo desta actividade, que se enmarca dentro da programación anual deste curso, é ensinarlle aos rapaces a importancia dos valores relacionados coa paz. Ademais, tamén se estivo traballando arredor da chegada do inverno e do frío.
A paz foi o tema central das numerosas actividades organizadas polo profesorado das escolas infantís O Bosque e A Madalena e no que se fixo especial fincapé neses días por mor da data de celebración que se aproximaba. Dende o profesorado buscouse reforzar as mostras de cariño, de empatía e animar aos alumnos e alumnas a que continúen axudándose entre si e compartindo os uns cos outros. As actividades están pensadas para achegar a nenos e nenas de idades tan temperás a comprender un pouco mellor que implica o termo “paz”.
Durante o mes de xaneiro, na escola infantil A Madalena, traballaron arredor da chegada do inverno e do frío. Así, os nenos e nenas viron a roupa que se emprega para non ter frío (gorro, bufanda, guantes, etc) Ademais, traballouse arredor do Día da paz. Aínda que os valores de paz e convivencia se traballan todo o ano, este mes fixeron unha celebración especial o día 30 de xaneiro, para elo durante varias semanas prepararon as pombas da paz que pintaron con diferentes técnicas (pintura de dedos, rotulador e estorcido con espuma). Finalmente, as pombas colgáronse no teito da porta da entrada para decorar.
Por outra banda, na escola infantil O Bosque, ao longo da semana pasada estiveron facendo distintas actividades encamiñadas a celebrar o Día da paz. As actividades estiveron encamiñadas, sobre todo, a entender a importancia de compartir, axudar, manifestar sentimentos de cariño, colaborar, etc. Despois entre todos elaboraron unha gran pomba coas fotos de todos os nenos/as e profesoras da escola, e deixaron plasmadas as súas mas de distintas cores nos cristais da escola.




