[26-05-2016] Este sábado, 28 de maio, as nenas e nenos matriculados nas Escolas deportivas municipais durante o curso 2015-16 realizarán unha exhibición de cadanseu deporte no pavillón deportivo municipal de Bertamiráns. Clausúrase así o curso deportivo, aínda que algunhas actividades estenderanse ata o 31 de maio. O acto comezará ás 16:30 horas e rematará arredor das 19:00 horas. As escolas deportivas contaron durante esta tempada con 1.516 persoas que se apuntaron nalgunha das quince disciplinas ofertadas.
Ballet, baloncesto, fútbol sala masculino, fútbol sala feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol e ximnasia rítmica son algunhas das actividades nas que se puideron matricular durante este curso os e as rapazas do concello de Ames. Este sábado, no pavillón municipal de Bertamiráns, ofrecerase unha mostra do aprendido e do traballo realizado polos nenos e nenas durante os oito meses que duran estas actividades.
Os rapaces e rapazas de judo e baloncesto serán os primeiros en realizar sendas mostras, ás 16:40 horas. Farano seguidos polos pequenos e pequenas de pre-deporte, para que a continuación saian, por orde, o alumnado de ximnasia rítmica de Bertamiráns, de ximnasia rítmica do Milladoiro, o de patinaxe de Barouta, o de voleibol (actividade impartida polo CV Bruxas), de tenis, unha segunda de patinaxe, dúas mostras máis de ballet, unha exhibición de fútbol sala feminino (que en Ames imparte o FC Meigas) e, para rematar, a derradeira mostra da tarde realizada das patinadoras e patinadores do Club de Patinaxe Sarela. A xornada de clausura rematará arredor das 19:00 horas.
As escolas deportivas municipais do Concello de Ames volveron superar este curso os 1.500 usuarios e usuarias, sumando un total de 1.516 persoas que escolleron algunha das quince disciplinas que ofertou o Concello de Ames para a práctica deportiva durante a tempada 2015-2016.
O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “o deporte e as actividades das escolas deportivas son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Cómpre destacar que este ano houbo un incremento de usuarios/as neste servizo municipal”.
Matrícula para o curso 2016-17
Ademais das actividades para os máis novos e novas as Escolas Deportivas Municipais tamén ofrecen un programa para o público adulto. Este ano abríronse inscricións para cursos de aerobic; pilates; spinning; abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento. O día 1 de setembro abrirase de novo o prazo de matrícula neste servizo municipal, tanto para as actividades infantís como para as de adultos. O prazo de renovación de praza e de preinscrición nas novas actividades rematará o día 13 de setembro. Como soe ser habitual publicarase toda a información e maila oferta de actividades do curso 2016-2017 na páxina web municipal.




