Pestanas principais

O alumnado da Rede Municipal de Comedores Escolares remata o curso xantando pizza e xeado

Xoves, 18 de xuño de 2015

[18-06-2015] Este xoves, 18 de xuño, rematou o curso 2014-2015 na Rede Municipal de Comedores Escolares. Os nenos e nenas clausuraron o curso escolar nos comedores escolares comendo pizza de xamón e queixo e xeado de xeo. Este menú foi elixido o pasado 3 de xuño polos propios rapaces e rapazas nunhas eleccións nas que o departamento de Educación dálles a posibilidade de elixir o menú de fin de curso.

Por outra banda, asistiron profesores e/ou directores/as dos centros de ensino do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEIP de Barouta e EEI do Milladoiro, representantes das ANPAS, o conserxe do CEIP A Maía, a directora da escola infantil municipal O Bosque, a aparelladora municipal, os representantes das empresas de monitoraxe dos servizos complementarios municipais, e as traballadoras do departamento de Educación.

Os pratos que compuxeron o menú de fin de curso foron elixidos o pasado 3 de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.

O menú que degustaron hoxe os usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares estivo composto por ensalada de xoubas, pizza de xamón e queixo, e xeado de xeo (polo de amorodo). O Concello fai valer a súa representatividade para elixir o primeiro prato que compón o menú, de maneira que o segundo prato e a sobremesa son decisión dos alumnos/as e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata mañá, 19 de xuño, este menú serviuse hoxe porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

O alcalde de Ames, José Miñones, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amesá e acudiu ata o comedor do CEIP A Maía para xantar cos alumnos/as deste centro de ensino. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Educación, Luísa Feijóo, o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García, e de representantes de todos os grupos políticos que forman a corporación municipal de Ames.