[10-06-2011] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves pola mañá a inauguración da mostra A Arte de Aprender que estará aberta ata o día 27 de xuño. Esta exposición recolle todos os traballos realizados polo alumnado da escola infantil municipal A Madalena durante este curso. A esta presentación foron arredor de 65 nenos e nenas do centro educativo acompañados dos seus profesores e profesoras. Tamén acudiron o alcalde en funcións de Ames, Carlos Fernández, a concelleira en funcións de Servizos Sociais e Igualdade, Isabel González, e a concelleira en funcións de Mocidade, Patricia Conde.


Esta mañá inaugurouse a IV mostra A Arte de Aprender, que recolle todos os traballos realizados ao longo do curso, polos nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena. O Samaín, o Magosto, o Nadal, o Entroido, o día do pais e da nai ou día da paz son datas moi significativas e que serven para que os nenos e nenas da escola infantil realicen diversas actividades que non soen facer no día a día.
A Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido por cuarto ano consecutivo para expoñer todos os traballos dos cativos/as e poderanse ver ata o día 27 de xuño. Todas as obras están repartidas polo primeiro e segundo andar do cento sociocultural. Así pódense ver diferentes traballos segundo a idade dos nenos e nenas.
As actividades realizadas polos cativos de 0 a 1 anos durante todo o curso están recollidas nunha obra denominada A miña vida en papel. Este é un libro viaxeiro que se vai confeccionando na escola e na casa. Así recolle traballos que se desenvolven na gardería como as bandeiras que realizaron con motivo do Día internacional da Paz, pero tamén conta con fotos dun acontecemento tan importante como a primeira celebración do seu primeiro aniversario.
Ademais se visitamos a Casa da Cultura podemos observar diferentes obras que realizaron os nenos e nenas de 1 a 2 anos. Estes traballos reflicten temáticas que van dende o outono ata a primavera. Así pódense ver elementos decorativos do Nadal, un iglú e unha pirámide, que se elaboraron con motivo do Entroido. Segundo a idade do alumnado os traballos teñen maior ou menos complexidade.
Por último os cativos e cativas de 2 a 3 anos realizaron composicións con diferentes pezas, collages, puzzles, etc. Ademais como todos os anos traballaron coas obras dun pintor. Este ano tocoulle a quenda a Jorge Peteiro e os cativos fixeron as súas propias reproducións tendo en conta as obras do pintor galego.
Arredor de 65 nenos e nenas da gardería municipal visitaron esta mostra acompañados das educadoras do centro e de moitos pais e nais que tamén quixeron ver os traballos que elaboraron os seus fillos/as. Tamén acudiron o alcalde en funcións de Ames, Carlos Fernández, a concelleira en funcións de Servizos Sociais e Igualdade, Isabel González, e a concelleira en funcións de Mocidade, Patricia Conde.
O obxectivo desta actividade e dar a coñecer o traballo de todos os cativos durante o curso escolar e tamén que os pais e as nais vexan as actividades que realizan. O alumnado da escola infantil A Madalena rematará o curso escolar cun festival que terá lugar o vindeiro 17 de xuño, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.




