Pestanas principais

O alumnado da Escola Municipal de Teatro celebrou a fin de curso en dúas clausuras en Bertamiráns e O Milladoiro

Venres, 24 de xuño de 2022

A Escola Municipal de Teatro de Ames vén de celebrar esta semana dúas mostras de fin de curso, na  o que o seu alumnado puido gozar dunha serie de actividades e de representar varias obras adaptadas ante un amplo público, formado especialmente por familias e amizades dunha futura xeración de actores e actrices. Cómpre lembrar que as inscricións para renovar praza na Escola xa están abertas ata o 28 de xuño, mentres que os novos usuarios e usuarias poderán realizar a matrícula a partir do 4 de xullo.

O primeiro curso da Escola Municipal de Teatro de Ames, posta en funcionamento en 2021 pola Concellaría de Cultura, chegou á súa conclusión esta semana coa celebración de dúas mostras de fin de curso, na que varios grupos de idade de rapaces e rapazas puideron mostrar ante os seus achegados as habilidades aprendidas ao longo de todo o curso.

Con horarios similares nos dous núcleos urbanos de Ames, realizáronse dúas clausuras en Bertamiráns, o martes 21, e no Milladoiro, o mércores 22, nas súas respectivas Casas da Cultura. Durante as tardes, dividiuse á rapazada en tres franxas horarias. Ás 17:00 horas, o grupo infantil de 3 a 6 anos realizou varios xogos dramatizados; ás 18:00 horas, o alumnado de 7 a 12 anos representou unha adaptación da obra “O secuestro da bibliotecaria”, e finalmente, o grupo xuvenil de maiores de 12 anos representou unha versión adaptada de “Cuestión de ovos”, ás 19:00 horas.

Co remate do primeiro ano da Escola Municipal de Teatro, as persoas que xa forman parte da Escola xa poden renovar a súa praza, do 16 ao 28 de xuño. Para facelo, haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro solicitando cita previa.

Posteriormente, abrirase un segundo prazo, do 4 ao 15 de xullo, para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. Neste caso as prazas adxudicaranse por orde de entrada da ficha de inscrición no Rexistro. O proceso de inscrición será o mesmo que para renovar praza. Haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro solicitando cita previa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mostras e obras para despedir a Escola de Teatro"

Alumnado nas clausuras do Milladoiro da Escola Municipal de Teatro

Multimedia

  • Alumnado nas clausuras do Milladoiro da Escola Municipal de Teatro
  • Alumnado nas clausuras do Milladoiro da Escola Municipal de Teatro
  • Alumnado nas clausuras do Milladoiro da Escola Municipal de Teatro
  • Alumnado nas clausuras de Bertamiráns da Escola Municipal de Teatro
  • Alumnado nas clausuras de Bertamiráns da Escola Municipal de Teatro
  • Alumnado nas clausuras de Bertamiráns da Escola Municipal de Teatro