[05-03-2014] Un ano máis a Aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación á informática que están dirixidas aos usuarios/as da Escola Integral de Maiores do Milladoiro. Neste curso están participando 14 persoas que están divididas en dous grupos. Un grupo asiste ás clases de 16:30 a 17:15 h e outro de 17:15 a 18:00 horas. O alumnado lembra nocións sobre o uso da internet e aprende a usar o correo electrónico. Ademais, traballan co procesador de textos LibreOffice Writer, piden cita para o médico, len a prensa e fan a compra a través da rede.
Os alumnos/as da Escola Integral de Maiores do Milladoiro están participando nunhas xornadas de iniciación á informática. Nestas clases aprenden nocións sobre a internet e sobre o uso do correo electrónico. Algúns destes alumnos/as xa participaron en anos anteriores nestas xornadas, polo que esta actividade sérvelles para repasar o que xa aprenderon noutras edicións. Aínda así están recordando as nocións que aprenderon anteriormente con exercicios de memoria cos que practican a utilización do rato.
Nas clases, os e as asistentes aprenden a manexar o rato, o teclado, a crear carpetas, gardar arquivos nas carpetas, cambiar o fondo de escritorio, modificar e configurar o protector de pantalla, etc. Estas actividades de iniciación á informática combínanse con outras nocións sobre a internet. Deste xeito, aprenden a usar o correo electrónico, buscar información nun buscador, pedir cita para o médico, ler a prensa e facer a compra a través da rede.
Ademais, os maiores tamén traballan co procesador de texto de LibreOffice Writer. A través deste programa, e buscando unha temática axeitada para cada momento, ensináselles a crear un documento e darlle forma, a engadir táboas, inserir imaxes ou a darlle movemento a un texto. Durante as primeiras clases os participantes estiveron escribindo unha receita típica de Entroido.
Os 14 alumnos/as que participan nestas xornada asisten ás clases os mércores divididos en dous grupos. Un grupo asiste ás clases de 16:30 a 17:15 h e outro de 17:15 a 18:00 horas. Este curso forma parte da programación que desenvolve a Aula de Informática do Milladoiro todos os trimestres, unha programación que abrangue multitude de actividades co obxectivo de que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática.





